Formou parte da mostra 'Museo (do ermitán) Man'

A réplica da casa de Man vai para Camelle

O Centro Galego de Arte Contempórane (CGAC) cede ao Museo de Camelle a réplica da casa de Manfred Gnädinger, o alemán ou Man de Camelle, á galería da vila bautizada co nome do artista.
20210212_151018
photo_camera Instalación da réplica da casa de Man ás portas da Casa do Alemán, en Camelle. (Foto: Nós Diario)

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cedeu ao Museo de Man a réplica da casa do artista que foi deseñada polos arquitectos Creus e Carrasco e que formou parte da exposición Museo (do ermitán) Man inaugurada o 6 de marzo de 2020 no CGAC.

A peza, que está pintada recuperando a imaxe dos anos 70, pertence ao CGAC e estará en depósito indefinido no Museo Man, en Camelle. Os operarios comezaron xa os traballos de instalación de caseta, que se situará diante do museo.

Os propios arquitectos Creus e Carrasco definían así a obra, “A reprodución da Casa de Man no contorno de Bonaval, coa imaxe que esta tiña nos anos setenta, supón asumir o risco dunha descontextualización que opera como recurso da memoria”.

Creus e Carrasco engadían que “ao mesmo tempo como posta na escena urbana dun artefacto que, para Man, funcionaba como un observatorio da paisaxe con estrutura de calidoscopio”.

“Escoller un lugar á intemperie, rodeado por arquitecturas que percorren diferentes séculos e que podemos observar e recoñecer a través das ópticas que Man utiliza para interiorizar a paisaxe, pode resultar unha experiencia estimulante”, aseveraban destacando que iso “esperta a nosa curiosidade e a necesidade de nos achegar ao contexto orixinal para o comprender mellor”.

“A súa construción, pensada como alpendre transportábel, lembra outras experiencias artísticas nas que son as circunstancias que rodean a estrañeza dun obxecto situado fóra de contexto as que lle confiren unha forza expresiva que nos fai reflexionar sobre o que en realidade é e para que serve”, conclúen os arquitectos na súa comunicación.

A mostra Museo (do ermitán) Man viaxou desde  o CGAC até o Museo do Mar da Galiza en Vigo, onde se clausurou a mostra o pasado 10 de xaneiro de 2021.

Man de Camelle

Manfred Gnädinger  “non só tiña a imperiosa necesidade de deixar testemuño da súa vida e historia a través do museo”, senón que tamén quería dalo a coñecer ao gran público”, explicaban as comisarias da mostra, Andrea Serodio e Carme Hermo.

“Despois da súa morte descubríronse no seu arquivo persoal numerosas cartas mandadas a diferentes medios de comunicación entre os anos 1978 e 1982 que acompañaba de pequenos paquetes fotográficos, resumo do seu proxecto vital”, e que se recollía na mencionada exposición.

Comentarios