Cultura

O repertorio do gaiteiro Ricardo Portela transcrito para o devir por Carlos Núñez

O Consello da Cultura Galega dedica a súa atención o Día da Patria a unha das figuras máis senlleiras da gaita galega, chave na dignificación do instrumento e da profesión: Ricardo Portela. O seu repertorio atópase en partituras en aberto na web da institución, transcrito por Carlos Núñez, que cumpre así unha misión que o propio gaiteiro lle encomendara sendo cativo.
Os gaiteiros Ricardo Portela (esquerda) e Carlos Núñez (dereita) [Consello da Cultura / Atlantikaldia].
photo_camera Os gaiteiros Ricardo Portela (esquerda) e Carlos Núñez (dereita) [Consello da Cultura / Atlantikaldia].

A gaita é hoxe, sen lugar a dúbidas, un dos símbolos identitarios da Galiza a nivel musical. Mais como todas aquelas formas transmitidas na oralidade, no seo dunha tradición popular que sobrevive con incommesurábel arraigo entre a poboación, enfróntase á desaparición do legado dos que foran mestres e, en menor medida, mestras –porque tamén houbo gaiteiras, aínda que non é ese o tema que nos ocupa hoxe.

Desta vontade de fixar o efémero, de conservar para o mañá as melodías e os acordes das nosas raíces, recibía unha encomenda particular Carlos Núñez cando era apenas un cativo de 13 anos, que agora pode dar por cumprida.

Portela defendía que o instrumento representaba "a expresión musical de todo un pobo", de feito, adoitaba falar del como "a alma da Galiza", engade Tubío

Así o asegura no limiar da última publicación que lanza hoxe o Consello da Cultura Galega, na que se condensan partituras de 41 pezas musicais do gaiteiro Ricardo Portela, no ano no que se fai o centenario do seu nacemento, accesíbeis a partir de agora na web do organismo co título Ricardo Portela. De gaiteiro a gaiteiro.

Desde a institución, segundo declara a súa presidenta, Rosario Álvarez, tiñan claro que querían celebrar os 100 anos do gaiteiro coa transcendencia que merece, aproveitando a efeméride como a escusa perfecta para reivindicar quer unha figura senlleira quer a relevancia da gaita e o gaiteiro na nosa cultura.

De gaiteiro a gaiteiro

"Sabiamos que Carlos Núñez estaba transcribindo a obra de Portela", comenta Álvarez. Así, contactaron con el para editala, facendo chegar ao público todo este labor que une "dúas figuras extraordinarias nunha alianza xenerosísima", destaca Álvarez, que vén de longo. O que chamaban derradeiro herdeiro do gaiteiro de Soutelo era plenamente consciente de que urxía un método efectivo de ensino para transmitir a técnica e a interpretación da gaita antes de que aquel tesouro oral desaparecese.

Por iso nos 80 se fixeron varios cursos, entre eles o I Encontro de Mestres de Gaita, no que se discutiría aquela preocupación. Nesa cita estaba presente un mozo Carlos Núñez, que xa apuntaba maneiras. Tras pasar polo Conservatorio de Ploemeur, onde se nutriu das ensinanzas de Patrick Molard e Jean-Luc Moign nas técnicas de ornamentación e transcrición de partituras para gaita.

Núñez emprendería o traballo encargado, consciente, como recolle o limiar, de que aquel non era "un cometido calquera, senón o seu testamento", que á súa vez o de Viascón recibira dos seus predecesores. Nesta misión atopaba a axuda do acordeonista Fernando Fraga.

A alma da Galiza

"Ricardo Portela non é un gaiteiro calquera", asegura Álvarez, senón que se trata dunha das figura "máis singulares e máis grandes que deu o país" nesta disciplina. Ademais, simboliza "a dignificación do gaiteiro", pola que traballou arreo ao seu retorno de Venezuela, onde estivo emigrado, valora Xaneco Tubío, presidente da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, en cuxa constitución o propio mestre xogou un papel fundamental e da que foi presidente de honra.

A música de gaita viña dun momento no que se consideraba "de segunda", como todas esas expresións populares da nosa cultura

A música de gaita viña dun momento no que se consideraba "de segunda", como todas esas expresións populares da nosa cultura. Mais Portela defendía que o instrumento representaba "a expresión musical de todo un pobo", de feito, adoitaba falar del como "a alma da Galiza", engade. Doutra banda, Portela levou a cabo un importante labor no eido da investigación, recuperando o toque fechado da zona de Pontevedra, unha técnica moi antiga que ten un "efecto máis arcaico", di Tubío.

Porén, fóra do mundo da música tradicional e das zonas nas que desenvolveu o seu traballo (Pontevedra e Vigo), non resulta tan coñecido. De aí a necesidade detectada polo Consello de facer desta fixación da súa obra unha das publicacións do ano.

Mestre e gardián

Álvarez destaca por último a súa faceta como docente: "Portela desvelou os seus segredos, non quixo levalos á tumba". Esa vontade sobrevive no privilexiado traballo de Núñez, que con entusiasmo e dedicación recolle os arranxos do mestre. Neste senso, destaca unha estela de gaiteiros que se declaran "fillos intelectuais seus". O propio Portela refería a súa profesión como a de "gardián dun tesouro", á que as transcricións que agora pasan ao dispor da cidadanía contribúen a gardar.

Álvarez destaca por último a súa faceta como docente: "Portela desvelou os seus segredos, non quixo levalos á tumba"

E é que Ricardo Portela non era compositor. Mais o espazo para o desenvolvemento artístico transcende a creación per se e a orixinalidade toma espazos na maneira de interpretar, no toque, que no seu caso era moi singular. "O seu repertorio nutríase maiormente de pezas tradicionais sobre as que se recreaba, imprimíndolles tanto carácter que as facía súas", asegura Núñez na análise das partituras tan icónicas como "Aires de Pontevedra", aprendida de Xosé Sesta e que é o resultado dun arranxo que contén resumidos fragmentos melódicos da antiga "Alborada" de Villanueva, así como unha simplificación da segunda parte do "Pasarrúas" de Xan de Campañó. A historia desta peza é para Núñez "todo un exemplo do sistema creativo no proceso oralidade-memoria-escritura e volta á oralidade".

Fóra da xenialidade do seu legado e da súa lexión de discípulos, o Consello quere dignificar a figura do gaiteiro, como o propio Portela fixo, procurando que se lle respectase, por exemplo, "cando se fai o cartel da festa". Mesmo se negou a tocar para algunhas comisións de festas cando o nome do gaiteiro aparecía no anuncio máis pequeno que o da orquestra, co obxectivo claro de normalizar a nosa música, explica Tubío. "Para nós é unha figura fundamental que contribuíu a defender que non hai culturas de segunda nin músicas de segunda", engade.

"O seu repertorio nutríase maiormente de pezas tradicionais sobre as que se recreaba, imprimíndolles tanto carácter que as facía súas", asegura Núñez

Neste senso, a presidenta do Consello da Cultura Galega entende que este organismo, que ten moitas liñas de traballo, non pode ficar unicamente na cultura espectáculo ou nas industrias culturais, senón que debe atender tamén á tradición, entendida como un "patrimonio que se actualice no cotián, pois se non fundamos un elo con ela, queda morta".

Outras actividades

A publicación englóbase dentro doutra actividades que aínda se están "cocendo", comenta Álvarez, e que se levarán a cabo en novembro nun acto central de conmemoración, coincidindo cos 100 anos do nacemento do artista, no que agardan contar con grandes do mundo da gaita, non só do territorio galego.

Comentarios