Ínsua e Martínez investigan a vida dos Vilar Ponte

Reparar as biografías da nación

Case 700 páxinas precisaron os ensaístas Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González para daren conta da vida e da obra dos irmáns Vilar Ponte. “Queriamos saldar unha débeda da cultura galega con estes dous construtores da nación”, explica Ínsua (Viveiro, 1967) a Sermos Galiza. Común temos a patria. Biografía dos irmans Villar Ponte (Xerais, 2018) é o título da obra.
 

antón villar ponte
photo_camera Foto de Antón Villar Ponte.

“O noso é un sistema cultural moi feble”, di, “e carecemos de biografías canónicas dos nosos persoeiros. Só agora comeza a corrixirse esta eiva”. As pescudas de María Xesús Lamas sobre Rosalía de Castro, de Xosé Ramón Barreiro sobre Murguía, de Xosé Luís Axeitos sobre Manuel Antonio ou a aínda inédita de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao son os exemplos que cita.

Común temos a patria, que recolle o nome dun célebre verso de Celso Emilio Ferreiro, “quere ir nesa liña”. “Trátase de disponibilizar ensaios biográficos de maneira intencionalmente completa”, afirma, neste caso sobre dous irmáns cuxo “compromiso republicano, a súa lucidez sociolingüística ou o seu incansábel activismo cultural segue vixente”. “A súa existencia contén altas doses de exemplaridade e entrega”, engade.

RamonVillarPonte_foto_de-mozo

Figuras imprecindíbeis para comprender o galeguismo anterior á Guerra Civil, os labores de Antón e Ramón Vilar Ponte abranxen todos os campos. Da política institucional -Antón foi deputado dúas veces nas Cortes da República, a primeira pola ORGA en 1931 e a segunda, na Fronte Popular e adscrito ao Partido Galeguista, xa no 36- ao teatro, do xornalismo de combate e ilustración ao ensaísmo político.

“O seu activismo constante centrado na idea de construír é o que máis impresionante resulta”, admite Ínsua, “sempre argallando iniciativas, artellando respostas ás agresións”. Este “tándem brillante e eficaz” repartíase as tarefas. Antón Vilar Ponte prodigábase nos xornais e na construción dun teatro nacional de inspiración irlandesa. Ramón foi un dos máis inquedos pensadores do nacionalismo temperán: Doctrina nazonalista (1921), O sentimento nazonalista e o internazonalismo (1929), Historia sintética de Galicia (1927) ou Breviario da autonomía (1933).

Mais, a dicir do profesor Emilio Ínsua, a memoria dos Vilar Ponte ficaba nunha terra de ninguén. “Existiu unha especie de relato hexemónico emitido polo grupo Galaxia”, esténdese, “sobre as relacións entre cultura e política, que determina enormemente o achegamento á cultura. Cantas máis arestas ten un personaxe, máis afastados quedan dese relato”.  

común temos patria

“Antón é inasumíbel desde esa perspectiva culturalista. El foi un político”, anota. Arrimado ás fraccións máis á esquerda do galeguismo. O maior dos irmáns nacera en 1881 e morreu meses antes do alzamento fascista de 1936. Ramón, de 1890, sobreviviu á guerra e aínda que se envorca cara á cultura, insiste en que a achega da súa quinta, a Xeración do 36, “non é so culturalista”.

“Os Vilar Ponte non encaixan nese molde promovido por Galaxia. Como somos unha cultura minada, estas cousas perturban. Pero é unha obriga ética revelar todo, as zonas luminosas e as escuras”, apunta Ínsua. Para facelo, Martínez e el propio botaron man de tres fontes documentais principais: a Biblioteca do Parlamento de Galiza, onde, por mediación de Pilar García Negro, a filla máis nova de Ramón, Teresiña Vilar, depositou un enorme mangado de papeis; os fondos da Real Academia Galega, “moi desordenados pero impresionantes”, correspondentes a Antón; e mais a Fundación Penzol.

“Xurxo e mais eu xa tiñamos traballos sobre eles. El estudou moito a Ramón e eu, sobre todo a Antón”, conta sobre a elaboración de Común temos a patria, “máis que o acceso a fontes, para nós o difícil foi como dar conta da inmensidade de facetas dos Vilar Ponte nun tamaño accesíbel para a editorial”. Mondoñedo, Vigo, Compostela, Betanzos, A Coruña ou Ribadeo xa acolleron presentacións da biografía. Fica aínda por diante a de Gondomar, programada para o 11 de maio (na libraría LIbraira).

Nota: imaxe de Ramón Vilar Ponte e cuberta da biografía sobre os irmáns.

Comentarios