Os relatos confinados de Xurxo Souto reúnense en 'Pangalaica'

O confinamento non só trouxo malas novas. Desde o 18 de marzo Xurxo Souto acompañounos nas contracapas de Nós Diario con historias da súa biografía emocional, textos breves atravesados pola súa cosmovisión e un certo desexo de percorrer o país "face a face". 'Pangalaica'  reúne agora estes "recortes poderosos" nun único volume.
Xurxo Souto a bordo do Chasula nun percorrido por Vilaxoán de Arousa incluído na programación do Revenidas 2020 [Laura Rabizal].
photo_camera Xurxo Souto a bordo do Chasula nun percorrido por Vilaxoán de Arousa incluído na programación do Revenidas 2020 [Laura Rabizal].

"Aforro calquera intento de comentario intelixente sobre unha situación que non son quen de comprender. Só entendo que este é un bon vagar para compartir historias bonitas, esas que normalmente non adoitamos contar".

Eran as lúcidas palabras coas que Xurxo Souto abría sección neste xornal un estraño 18 de marzo no que as rúas ficaban baleiras e aínda aterrabamos naquela realidade do fechamento domiciliario que logo se prolongaría durante meses. Contra a escuridade do presente, el prometíanos a primavera.

As dúas chamadas

"Estaba un día na hora da sesta, botando unha soneca, e recibín unha chamada de María Obelleiro", conta Souto. Coa pandemia ficaba un oco en Nós Diario, coa cultura parada, e a directora do medio pediulle se podía escribir un pequeno texto. "Como lle teño lei e querenza a Nós Diario, e ademais estaba medio durmido, díxenlle 'Cando empezo?'". Aos dous días estaba na contracapa.

"Estaba un día na hora da sesta, botando unha soneca, e recibín unha chamada de María Obelleiro", conta Souto

A encarga obrigou a Souto a se mergullar na súa biografía emocional para expresala cunha técnica literaria que ao vocalista dos Diplomáticos lle era nova, segundo el mesmo admite: contar unha historia en tres parágrafos. "Ese xénero tan fermoso, algo moi breve e polo tanto moi requintado e traballado". Era un reto.

Foi outra inesperada chamada telefónica, tempo despois, a que fixo posíbel o libro que reúne todas estas pezas breves. Desta volta quen ligaba era Francisco Castro, o director de Galaxia, lector do xornal, que lle propuxo publicalos neste Pangalaica. Recortes poderosos, que agora ve a luz.

A brevidade como esencia

Foi condición imprescindíbel que o texto non se modificase, polo que as palabras son as mesmas coas que Souto nos acompañou durante as horas máis duras do confinamento. E é que estaba certo de "evitar a tentación de amplialo", pois era xustamente o "desafío" desa brevidade un dos grandes valores destes relatos cativos en verbas, mais poderosos en contido e forma.

"Un defecto da miña literatura é que conto uns rollos terríbeis, tendo a estenderme moito. A concreción era un logro que había que manter", asegura Souto

"Un defecto da miña literatura é que conto uns rollos terríbeis, tendo a estenderme moito. A concreción era un logro que había que manter", asegura. Só nalgún caso se complementa o orixinal con pequenas notas, a raíz de indicacións sobre as protagonistas dalgún dato a modificar.

Porén, si que foi preciso peneirar, pois das máis de 100 colaboracións que o xornalista e músico fixo desde mediados de marzo até finais de agosto -case seis meses, que se di fácil- tiveron que reducir só a 80. Van, aliás, acompañados de imaxes, a maioría fotografías dos álbums familiares das persoas das que fala o autor.

Souto deixa testemuño de pequenas historias humanas, retratos escritos das faces coas que foi topando nas súas rutas ao longo do país cos Diplomáticos de Monte Alto, alá polos 90.

A estrutura respecta a orde cronolóxica na que foron publicadas, polo que pode trazarse a evolución das súas inquedanzas. Nese tempo, o autor foise decatando de que o que estaba a escribir era a súa propia "cosmovisión da Galiza, a imaxe que teño eu, que non é exactamente igual aos tópicos habituais". Refire entre as súas teses, por exemplo, a "mentira da fronteira entre a aldea e a cidade" ou que "Vigo e Coruña son a mesma urbe".

Ademais, os recortes dan conta desoutra máxima que vemos con claridade nas páxinas deste diario: "somos un pobo de artistas". "Esa visión que temos ás veces de nós mesmos como xente apoucada non é así, o noso é un país como todos: creativo", asegura Souto.

E destaca, xa desde a propia capa de Pangalaica, o rol das mulleres na cultura, non sempre valorado, coa fuigura de Xosefa de Bastavales, coas súas discípulas: As Garotas da Ribeira, Tupa e Sofía de Labañou.

No rego de Manuel María

A medida que Souto avanzaba na escrita decatouse tamén de que, inconscientemente, "estaba a seguir o mandato de Manuel María". El mesmo tivo a sorte de coñecelo durante o tempo que o poeta viviu na Coruña e desenvolveu unha relación moi intensa, admirador desa visión que tiña do país "persoa a persoa / face a face".

Xurxo Souto coñeceu a Manuel María durante o tempo que o poeta viviu na Coruña e desenvolveu unha relación moi intensa, admirador desa visión que tiña do país "persoa a persoa / face a face"

Así o mostra desde o "conxunto olímpico" dos Lirios co que nos abraiaba na primeira entrega, até os ditos sobre o cuco que o ocupan na derradeira. A corrente que atravesa Pangalaica intégrase no que expresan os versos do libreiro: "Aínda teño a esperanza de poder / percorrer unha por unha / todas as parroquias de Galiza / [...] pois non hai tarefa máis urxente, / fermosa, nidia e necesaria".

As persoas son as protagonistas destas historias que nos arrodean e nos definen, aínda que sexa desde a óptica tan senlleira de Xurxo Souto. Pois el sabe de contar, sempre desde esa enerxía construtiva que nos arrastra "avante toda" na eterna arroutada do futuro. Ese que construímos, agora e sempre, xuntas.

Comentarios