MARÍA REIMÓNDEZ, ESCRITORA

“O relato é unha maneira de dar a entender que hai maneiras de saír desa situación”

O pasado día 25, Día Internacional contra a Violencia Machista, María Reimóndez liberaba ‘A esencia da cidade’, un relato autobiográfico publicado por Xerais no que a escritora conta unha experiencia de maltrado sufrida na súa adolescencia. 

1275653863038Reimondez_Maria_4
photo_camera María Reimóndez [Foto: Santos-Díez]

- O día 25 liberaches un relato autobiográfico, editado por Xerais, co que te unes á campaña #PrimAcoso e contas a túa primeira experiencia de violencia de xénero. Como foi que decidiches facelo?
- Unha cousa é a miña participación na campaña #PrimAcoso, e outra cousa é o relato, que é unha iniciativa miña co apoio de Xerais, son cousas distintas. 

- Este relato xa o publicaras antes, non?
- Este relato escribino porque hai uns anos Amnistía Internacional publicou un libro sobre violencia de xénero que se chama ‘Camiñando descalzas polas rochas’. Este relato naquela altura pareceume que era unha cuestión de honestidade e cría que non podía escribir doutra cousa que non fose da miña propia experiencia persoal. O motivo de liberalo é que este libro de AI está moi pouco accesible e ao longo destes anos teño pasado ese relato de maneira individual a persoas que traballan no ensino que lle vían certa utilidade á hora de traballar este tema coas mozas e cos mozos. Entón este ano a raíz destas informacións que saen na prensa do -entre aspas- incremento de violencia de xénero entre a mocidade, pensei que se cadra era o momento de facelo máis accesible. E digo incremento entre aspas porque eu non estou segura de que haxa un incremento senón unha maior visibilización e concienciación social, porque a historia que se relata aconteceu hai bastante tempo. Eu teño agora 41 anos, estamos falando de cando tiña 15, 16, 17 anos e é evidente de que xa naquela altura había violencia de xénero nos adolescentes, pero aínda non existía o concepto.

"A parte máis difícil do relato é o pudor de falar de persoas que seguen estando aí"

- Supoño que para ti non debeu ser doado escribilo.
-Foi un proceso complicado porque por moito que os anos pasen as mulleres seguimos estando socializadas para ter medo de falar. Primeiro ten que haber un proceso persoal que é complexo, que eu xa pasei no seu momento, de reconciliación con unha mesma, e con todas as mensaxes que socialmente se che envían, de culpa, de vergoña… E tamén para min creo que a parte máis difícil do relato é o pudor de falar de persoas que seguen estando aí, e ás veces de facer visibles situacións á miña familia ou a persoas que conviviron comigo nese periodo da adolescencia e que non foron conscientes do que acontecía ou da súa gravidade. Eu tiven a fortuna de ter unha nai moi espelida e moi intuitiva que foi capaz de percibir certas cousas, que aquilo era unha punta do iceberg, sen saber todo o que pasaba. 

- Canto tempo despois te decatas de que aquilo era violencia?
- É difícil de determinar agora. Eu creo que é o primeiro problema, non ser conscientes, para ti é unha normalidade iso que vives. Naquela altura aínda había menos conciencia social do que é a violencia de xénero, dos vínculos emocionais complexos, da soidade, da conceptualización do teu entorno sobre ti mesma. Foi un proceso moi longo de reconstrución da identidade que non está exenta doutras experiencias de violencia posteriores a outros niveis ou noutros niveis de intensidade, pero que é un proceso complexo no que por desgraza as mulleres estamos inmersas case a diario a todos os niveis. No proceso de recoñecer, xestionar e aprender a protexernos e a vivir doutras maneiras para min foi fundamental -e tamén o narro no relato- o contacto coa teoría, co pensamento e cos movementos feministas para poder reconstruírme a min mesma para poder entender o que me pasara. 

"No proceso de recoñecer, xestionar e aprender a protexernos e a vivir doutras maneiras para min foi fundamental o contacto coa teoría, co pensamento e cos movementos feministas para poder reconstruírme a min mesma para poder entender o que me pasara"

- A problemática das mulleres é unha constante nas túas obras. Neste caso publícalo para que sexa de utilidade en xeral, pero sobre todo para quen traballa con adolescentes, non?
- Si, e para as e os propios adolescentes, porque creo que é moi distinto falar desde a ficción ou desde a teoría, a falar desde alguén que está vivindo algo semellante ao que ti estás vivindo, que agora está noutro momento da vida. Para min é importante a cuestión da comprensión, porque si que é certo que foi unha sensación moi marcada que eu tiven, de incomprensión. No meu entorno, as miñas compañeiras e compañeiros do instituto na súa maioría construíanme a min como a rara, porque non querían ver, aínda que hai movementos de violencia moi explícita e moi pública, ninguén quería ver nin entender. Eu son consciente de que hai moitas rapazas de que aínda están nesta situación. E o relato tamén é unha maneira de dar a entender que hai maneiras de saír desa situación. E tamén ten un obxectivo claro de sensibilizar o entorno, de ensinarnos a ver, tanto o profesorado, como as compañeiras e compañeiras, para axudarnos a falar de construír a identidade dos rapaces na que se basea este tipo de comportamentos. 

- Tamén falas disto como unha segunda violencia: a incomprensión e a culpabilización da vítima. 
- Si, totalmente. A violencia de xénero unha das características que ten en todas as súas facetas e moralidades é o silencio e a vitimización. Eu creo que en ningún crime doutra índole as vítimas son culpabilizadas nin hai unha capa de vergoña como existe en todas as caras da violencia de xénero: desde as cuestións máis do día a día, como na campaña de #PrimAcoso, na que incluso nos avergoñamos porque alguén se masturbe diante nosa pola rúa ou que nos toquen, avergoñámonos só ao dicilo. Esa é a primeira barreira que temos e ese é o primeiro refuxio dos maltratadores, dos acosadores, dos violadores. Esas construcións da masculinidade, que acaban dando en situacións de violencia. Unha das cousas quedaron moi claras na miña aprendizaxe persoal é que os maltratadores teñen calquera cara, calquera estrato social e o único que comparten é unha construción hexemónica da masculinidade baseada no control, na dominación e no uso da violencia cando as cousas non van polo seu rego. 

"En ningún crime doutra índole as vítimas son culpabilizadas nin hai unha capa de vergoña como existe en todas as caras da violencia de xénero"

- A cidade tamén é a protagonista do relato. Falas dunha cidade concreta como refuxio, como liberación. 
- Si, e tamén como cidade como recuperación dun espazo. Tamén é un pouco unha mensaxe de esperanza, de dicir que tamén podemos saír diso. E para as adolescentes é moi importante ter esa visión e esa perspectiva, que a veces falta. Eu xa digo que para min era normalidade, cría que as relacións eran todas así, aínda que eu na miña casa por fortuna nunca vivín nada semellante. Un dos elementos do maltrato na adolescencia é esa falta de visión, de experiencia vital, de ter referencias que che axuden a relativizar o que che está pasando. E creo que tamén os espazos, porque o espazo público, porque moitas das agresións que se narran aconteceron en espazos públicos. Ao non ter casa a onde ir, as agresións nesta idade están máis á vista que noutras etapas da vida ao mellor. E a importancia do espazo para recuperar a túa identidade e o teu propio pasado. Na cidade que aconteceron estes feitos, Lugo, onde nacín, eu tiven que recuperar eses espazos para min e inscribir neles outras memorias e non demonizar a cidade que, a fin de contas, non ten culpa de nada. Pero era máis un uso metafórico de como necesitamos recuperar eses espazos de nós mesmas, os espazos onde aconteceron as cousas. Se nos puxéramos a facer un  mapa das nosas cidades marcando os lugares onde acontece a violencia dcontra as mulleres, só mirando violencia extrema, creo que sería bastante aterrador, ver como todas as cidades de Galiza, unha grande cantidade vilas e aldeas están marcados pola violencia. Teríamos un mapa que é importante recuperar. E nese sentido narrei a historia desde a óptica do espazo. 

- Tamén me pareceu un pouco unha carta de amor a Vigo. 
- A historia está escrita desde o seu momento. É evidente que para min o proceso de marchar foi importante, porque me permitiu un afastamento físico que moitas mulleres non teñen e que é fundamental ter un espazo onde sentirse segura. Para min Vigo significa iso, pero podería ser calquera outra cidade. Creo que Vigo gañoume o afecto por outras cousas.