Violencia patriarcal, machismo e o dereito de vivir libre transitan os dez textos da obra

Relato autoafirmado en 'Libres e vivas', unha obra colectiva de dez autoras

A obra colectiva 'Libres e vivas' atópase nos andeis das librarías desde o mes de febreiro. Un libro de relatos breves cuxa autoría recae nunha decena de mulleres da arte, sexa a súa a narrativa, a poesía, o ensaio ou mesmo a escénica. Unha reflexión coral, individual mais tamén conxunta, arredor da igualdade.
De esquerda a dereita, arriba, Queixas, Carballeira, Porteiro, Carrodeguas e Pita. Abaixo, Sumai, Canosa, Dávila, López e Oliveira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita, arriba, Queixas, Carballeira, Porteiro, Carrodeguas e Pita. Abaixo, Sumai, Canosa, Dávila, López e Oliveira. (Foto: Nós Diario)

"Dez narradoras de ámbitos creativos moi distintos pero que plasman, cada unha ao seu modo, a dureza da cuestión para facernos reflexionar desde historias protagonizadas por mulleres atrapadas, mulleres que se liberan, mulleres que loitan, mulleres que din non, mulleres" é o modo en que a Editorial Galaxia presenta a obra colectiva Libres e vivas

Un libro de relatos breves escritos por Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira. "Dez escritoras", di Galaxia, "unidas nun berro de igualdade", no que a reivindicación do corpo, nas súas diversas idades, e da liberdade, a autoafirmación feminina son ingredientes fundamentais.

Así acontece en "Señoras e piscinas", o relato que achega Berta Dávila e que, segundo ela mesma conta a Nós Diario, "trata de analizar en certo modo cales son os lugares que ocupamos as mulleres cando facemos uso de servizos que son, en principio, para todos". Un texto que a autora aborda "desde certa comicidade, que é algo que adoita quedar fóra do que escribo pero cando xorde unha encarga deste tipo tamén é unha oportunidade para probar cousas que nos presta facer".

Tamén Charo Pita elabora un relato epistolar entre a protagonista e si mesma noutro tempo en "Onde grallan os corvos".

A violencia, esquecida no máis fondo da memoria e que se abre paso botando man da ansiedade, é o tema central sobre o que escribe Elisabeth Oliveira en "Lara". E "Greta", protagonista do relato de Esther F. Carrodeguas, loita co seu corpo e coa súa aparencia nunha contorna tan masculinizada como unha estación de ITV.

En Libres e vivas tamén se retrata a violencia, sexa a dos cazadores que acaban coa vida do raposo Ramón, tan importante na vida das tres protagonistas do conto de Anxos Sumai, "Nun recando de herba crúa"; sexa en "Ozono", o relato de María Canosa, onde se verbaliza a anguria da volta á casa, de noite, ante as insinuacións de calquera. E onde o retrato da violencia alcanza o grao máis explícito é en "A pintora das aves", no que María López Sández conta a vida de Nora, experta en maquillar as marcas do maltrado físico. 

María Xosé Porteiro mergúllanos en "Novelas para Xulia" no maltrato psicolóxico, na vixilancia permanente e "You make me feel" é o título escollido por Mercedes Queixas na súa viaxe pola narrativa breve e colectiva, onde se vence o tabú de expresar a menopausa. 

Fecha Libres e vivas a narradora Paula Carballeira cun conto ao modo das Mil e unha noites relatando a historia das "Escravas de Sherezade".

Autoafirmación dos corpos

"A vida é unha viaxe e os pensamentos tamén, e con ese símil da viaxe o que pretendín foi escribir un relato de afirmación e de autoafirmación", cóntalle a Nós Diario Mercedes Queixas. "Hai unha idea central que é a necesidade de reencontrarnos co noso corpo a calquera idade", explica sobre o seu relato. "O corpo sempre foi tabú, posesión, tivo que estar tapado, foi símbolo do pecado... Pero todo iso non está no noso corpo senón na mirada do outro. É moi importante que nos autoafirmemos no noso corpo, a partir del somos nós. Se seguimos sometidas e dominadas por unha marca dun corpo que non é o noso non estaremos 'libres e vivas'", reflexiona.

"Coas mulleres cando se quere apuntar as súas feblezas, moitas veces insultos e cumpridos sinalan directamente o corpo, que é tamén un espazo político e é interesante facernos conscientes de por que acontecen estas cousas", pon de manifesto tamén Berta Dávila.

A subxectividade alterna

"Tanto as autoras como os autores de literatura medramos cun referente que é canon universal e é maioritariamente masculino. Digamos que se visibilizou ese canon non como literatura escrita por homes senón como universal e neutro e así á literatura das mulleres colócaselle  a etiqueta de ser unha subxectividade subordinada, como se o masculino non o fose, senón que fose neutro e universal e a das mulleres subalterna", reflexiona Dávila arredor da publicación de obras como Libres e vivas, nas que se dá voz literaria ás mulleres. "Moitas veces cando se tocan determinados temas subxace a impresión tanto no lectorado como na reflexión crítica de que son temas que escapan do universal porque esa é a impostura do masculino".

Engade que "o libro recolle as voces de moitas narradoras e ao lectorado abriránselle distintas xanelas, distintas voces de mulleres que escriben e a posibilidade de indagar novas escritas".

Comentarios