Reixa, Medalla de Ouro das Belas Artes

Recoñece así a traxectoria "como escritor, músico, guionista e director de cine".
anton reixa

O Consello de Ministros, a proposta do ministro de Cultura e Deporte,  Miquel  Iceta, aprobou esta terza feira a concesión das Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes correspondentes ao ano 2021 a 31 personalidades e institucións da cultura, entre elas Antón Reixa, músico (Os Resentidos, Nación Reixa), poeta (en solitario, Rompente), guionista, director de cinema, dramaturgo, videoartista... O vigués partilla premio con nomes como o actor Javier Bardem, o grupo de música Amaral ou o artista Jaume Plensa.

Antón Reixa (Vigo, 1957) é un dos nomes imprescindíbeis da creación cultural na Galiza na segunda metade do S.XX e inicios do XXI.

A Delegación do Goberno remitiu un currículo de Reixa no que destaca que se trata dun artista polifacético cuxos traballos abarcan todos os campos, desde música, cinema, teatro, poesía, narrativa, televisión ou radio.

Foi o líder dos Resentidos, posibelmente o grupo indispensábel. En 1998, estrea na Televisión de Galiza (TVG), baixo a súa dirección, 'Mareas vivas', unha serie ambientada na Galiza mariñeira actual que bateu récords de audiencia nesta canle galega. Un ano máis tarde, con parte do equipo da serie, funda a produtora  Portozás Visión.

Adaptou ao cinema a novela de Manuel Rivas, 'O lapis do carpinteiro', protagonizada por María Adánez, Tristán Ulloa e Luís Tosar, realizada en 2002; á que seguiría en 2007 'Hotel  Tívoli', con Tosar de novo entre a repartición principal.

Mais a súa carreira non se limita a iso e soborda fronteiras estilísticas e creativas. 

Comentarios