domingo 25/10/20

Reixa recibiu unha subvención de 142.000€ da Agadic cando a dirixía o actual delegado da Sgae na Galiza

Juan Carlos Fernández Fasero outorgóulle á produtora Filmanova, propiedade do presidente da Sgae, o 30% do orzamento total destinado en 2012 a finanzar a distribución de espectáculos escénicos e musicais. Só 23 días despois, Fasero fichou pola empresa privada


A Axencia galega de industrias culturais, Agadic, concedeu unha axuda de 142.665 euros á produtora de Antón Reixa, presidente da Sgae, 23 días antes de que o actual delegado na Galiza da sociedade de dereitos de [email protected] e [email protected] abandonase a Agadic. Segundo a información que publica o diario español El País, a resolución da subvención asinouse o 2 de outubro de 2012. O Consello da Xunta deu o visto e prace ao cesamento de Fasero o 25 de outubro, para se incorporar á Sgae.

O montante que recibiu Filmanova tiña como obxectivo financiar os dous meses de xira madrileña do espectáculo Galicia Caníbal, sobre a movida galega dos anos 80. O bocado de pastel que levou a empresa de Reixa supuxo o 30% do orzamento total destinado en 2012 que a Agadic destinou a finanzar a distribución de espectáculos escénicos e musicais, cifrado en 450.000 euros. A seguinte adxudicación de maior contía na mesma convocatoria é de 56.000 euros. 

A axuda outorgada a Reixa non pasou por unha comisión de valoración. Resolveuse polo procedemento abreviado e foi a dirección da Agadic, encabezada polo propio Fasero, a que ditou o informe sobre a conveniencia desta subvención, así como a proposta de resolución. 

O delegado da Sgae do Noroeste recoñece que a adxudicación se fixo cando xa coñecía a súa incorporación á empresa privada e aínda así xustifícase sinalando que "non hai subxectividade posíbel" porque se aplican "baremos automáticos" e os cálculos "realízaos un técnico como resultado da aplicación estrita dos requisitos da convocatoria". Conclúe que foi el quen estabeleceu topes máximos nas axudas da Agadic en 2010 "porque antes era un coadoiro".

comentarios