Reixa, novo presidente da Sociedad General de Autores

Antón Reixa (AUNIR) foi elixido novo presidente da SGAE por 24 votos a  favor durante a primeira sesión da Xunta Directiva da entidade
Antón Reixa
photo_camera Antón Reixa

Antón Reixa (AUNIR) foi elixido novo presidente da SGAE por 24 votos a  favor durante a primeira sesión da Xunta Directiva da entidade reunida esta tarde. José Miguel Fernández Sastrón (DOM) conseguiu 11 votos e dous foron en branco, informaron a Europa Press fontes da entidade de xestión.

"Acabou o morbo e aquí comeza unha nova SGAE", afirmou Reixa na súa primeira comparecencia perante os medios como presidente da sociedade. "Hoxe é o  día do autor, pois os e as autoras collemos soberanamente esta institución", engadiu. "Aspiramos a unha SGAE máis discreta, non presidencialista e colexiada", sinalou, para despois fixar entre as súas prioridades revisar o orzamento de 2012 e desenvolver un plan de eficiencia, así como afrontar o "problema" da Rede Arteria e consensuar o nomeamento dun conselleiro delegado.

Alén diso, Reixa reclamou que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte "exerza do xeito máis eficaz o seu labor de tutela". "Queremos que nos tutelen", sentenciou o noutrora irreverente cantante de Os Resentidos.

Comentarios