Reivindican que os vestixios megalíticos de Corme se inclúan no plan da Deputación da Coruña

A Asociación Cultural Insua de Viastela reclámalle ao Concello de Ponteceso que inclúa no catálogo de megalitismo da Costa da Morte os vestixios da vila de Corme que quedaron fóra e que precisan de protección.
campara
photo_camera Necrópole da Arca da Campara. (Foto: Nós Diario)

A Asociación Cultural Insua de Viastela de Corme (Ponteceso), de recente creación, vén de presentar a través dun comunicado a súa disconformidade coa “selección dos elementos arqueolóxicos do concello” de cara á súa inclusión no Plan de Megalitismo da Costa da Morte, que promove a Deputación da Coruña.

Insua de Viastela conta que o Concello “tan só incluíu nese plan o Fuso da Moura”, un menhir da Idade do Bronce situado no monte de Asalo, na ladeira de monte Nariga, no linde entre Ponteceso de Malpica de Bergantiños.

Á vista das achegas de Ponteceso ao Plan de Megalitismo da Costa da Morte, Insua de Viastela explica que se dan tres “graves omisións”, e apunta “a necrópole da Arca da Campara, a gran necrópole tumularia do Vaqueiro e o amplo conxunto de petróglifos de Corme”. 

Da Arca da Campara, formada por varias mámoas, explica o comunicado que se ten “coñecemento desde hai un par de anos e comezáronse os trámites para a súa catalogación”.

Sobre a necrópole do Vaqueiro, a asociación lembra que “está situada nas marxes da vía Niñóns-Corme, na faldra do monte Faro” e que “próximo a ela pasa o camiño real e érguense a cruz do Vaqueiro e o cruceiro da Eirita, así como a fonte pétrea do Faro”.

Con respecto aos petróglifos de Corme, lembran que segundo o Colectivo A Rula, é “unha das zonas de arte rupestre máis singulares do país”. 

Encontro de navegantes

Insua de Viastela realiza mañá, ás 18 horas na confraría de Corme, os encontros "Mourelle nos mares do Sur" e "Inicios da navegación científica. Mourelle, Cook, Malaspina e La Perouse", dentro da programación que dedican este mes ao almirante Francisco Antonio Mourelle de la Rúa, orixinario desta vila mariñeira.

Comentarios