Reivindican a Otero Espasandín cunha homenaxe en Cerdedo

Na súa localidade natal de Castro (Cerdedo) terá lugar o próximo 27 de xullo unha homenaxe a Xosé Otero Espasandín. Un recital, unha exposición bibliográfica e unha mesa redonda alén dun roteiro polos lugares relacionados co homenaxeado en Castro Domedio (Cerdedo) servirán para reivindicar o recoñecemento da súa figura. 

No ano 2012 fixéronse 25 anos da morte no exilio de Xosé Roxelio Otero Espasandín mais a data quedou no silencio. Non houbo lembranzas nin recoñecementos a esta singular figura que agora desde a Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido queren celebrar cunha homenaxe na terra que marcou a primeira parte da súa biografía. 

Ás 19:00 horas comezará na Horta de D. Teobaldo, en Castro Domedio (Cerdedo) a xornada de homenaxe cun recital poético musical a cargo de Susana Sánchez Aríns, Xosé Luís Santos Cabanas, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Rexubeiras, pandereteiras da A.C. Trepia, que tamén colaboran na homenaxe. O espazo elixido, ao pé da casa na que viu a lus Otero Espasandín, marcará xa o inicio do roteiro que, a seguir, percorrerá os lugares relacionados coa súa biografía. Carlos Baliñas e Dionisio Pereira achegarán ás 20.30 aos asistentes á dimensión de Otero Espasandín cunha mesa redonda na Casa da Sociedade. “Deste xeito pretendemos render unha merecida homenaxe a un intelectual da nosa bisbarra que tivo que abandonala ben novo por culpa do golpe de estado franquista para non volver nunca máis” destacan desde Verbo Xido. 

O descoñecido que morreu no exilio

O nome de Otero Espasandín continúa practicamente descoñecido na historia cultural e literaria do país.  Mestre, escritor e xornalista, dinamizador de publicacións, entre elas a revista PAN que dirixiu e na que colaboraron Bal y Gay, Blanco Torres, os Dieste, Fernández Granell, Lorenzo Varela ou Ramón Gaya, o seu nome engrosa a ampla listaxe de intelectuais que se viron na obriga de se exiliar en 1936, despois de que o golpe militar derrubase o goberno da República. En febreiro de 1939, despois de resistir nunha administración de aviación en Barcelona, atravesa a fronteira cara Francia canda Rafael Dieste ou Ramón Gaya e viaxa cara Inglaterra até que en abril de 1941 toma Bos Aires como destino. En 1947 diríxese cara Estados Unidos onde traballará como lector de castelán, sen regresar do exilio xa nunca máis. 

A Asociación Verbo Xido publicara en 2004 o estudo de Dionisio Pereira a obra Xosé Otero Espasandín. Vida e pensamento dun cerdedense desterrado. O centro Ramón PIñeiro publicou en 2006 a "Obra Galega", poemas e artigos ademais dun apéndice con cartas cos irmáns Dieste e Carme Muñoz ou outras con Francisco Fernández del Riego ou a algúns dos seus conveciños do Castro. Sermos Galiza xa publicou a obra completa de Otero Espasandín na súa loxa. 

Comentarios