martes 07.04.2020

O reino de Galiza nun mapamundi do século X

Estamos diante dun mapa que emparenta e garda moitas similitudes, tal e como certificou Serafín Moralejo, co estampado nos frescos dos muros do antigo mosteiro de San Pedro de Rocas. Inspirado na cartografía do Burgo de Osma, expresión do proxecto político da oligarquía galega de finais do século XI, consérvase actualmente na Biblioteca Ambrosiana de Milán.   Eis un estrato da peza publicada no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza.  
O reino de Galiza nun mapamundi do século X

A cartografía do Beato de Milán, coñecida con ese nome por atoparse custodiada na Biblioteca Ambrosiana desa cidade, é denominada tamén por algúns autores como Beato de Oña, por ser elaborada no mosteiro desa vila burgalesa nos anos finais do século XII ou nos iniciais da centuria seguinte. A abadía de San Salvador, situada na vila burgalesa de Oña, foi fundada como mosteiro mixto en 1011, pasando a depender vinte anos despois da orde de Cluny, que remataría convertendo este espazo nun importante centro cultural, de onde sairían un número significativo de produtos culturais. O estabelecemento relixioso gozou do favor da casa real navarra, á que se mantivo vinculada até o matrimonio de Fernando I coa raíña Sancha, ligándose posteriormente á monarquía galega.

m7_MapaFSO mapa de Oña ou de Milán fai parte da tradición cartográfica coñecida como a dos beatos, por estar incorporados ás versións dos comentarios da Apocalipse de San Isidoro realizados polo abade de Santo Toribio de Liébana no século VIII, emparentado dentro desta coas copias do Burgo de Osma, Lorvao e, moi particularmente, de San Pedro de Rocas. A carta destaca pola rica policromía, pola abundante presenza de ouro e prata nas diversas miniaturas e polas dimensións, ao ocupar dúas páxinas do manuscrito. A autoría do traballo non presenta dúbidas, xa que está certificada a súa execución polo grupo de copistas deste estabelecemento relixioso, gardando semellanzas con outras obras da mesma época do referido escritorio, porén as contradicións xorden á hora de datar a obra e de seguir o seu camiño até a súa actual localización na Biblioteca Ambrosiana de Milán. 

A obra dos monxes de Oña non recolle ningunha referencia a Castela ou León. Se Asturias aparece correctamente incorporada dentro da área galega como unha mera extensión deste reino, as supostas cabezas dos reinos cristiáns, segundo a historiografía españolista, simplemente non existen. A ausencia de Castela, nun mapa elaborado nun mosteiro fundado por un neto de Fernán González e situado xeograficamente no corazón mesmo de Castela, debería cando menos facer reflexionar sobre a condición política e o peso da mesma na alta Idade Media.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]  

comentarios