CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Reincidentes: vergoña

“Vergüenza” é o título co que Reincidentes bautizaron ao seu álbum número 19, e vergoña e o que di que senten cando ven a actualidade. Despois de 30 anos, continúan sen calar e plasman neste traballo un novo berro contra aquilo que hoxe en día lles produce vergoña.

Cando chega un novo disco de Reincidentes, sempre é un momento especial. Sen dúbida é dos discos que menos tardo en darlle ao play e poucas veces me deixan indiferente. Neste traballo voltan a demostrar que son unha banda lonxeva ao tempo que actual, pois a xente sempre agarda deles temas novos en vez de reclamar unicamente clásicos. Obviamente composicións como Vicio ou Jartos de Aguantar, son clásicos que superan á propia banda, mais iso é algo normal tras 30 anos de carreira.

Terrorrismo foi o single adianto de presentación deste plástico e o elixido para abrir o disco. Un tema sobre as continuas condenas por enaltecemento do terrorismo, que tanto proliferan ultimamente contra aqueles que fan uso da súa liberdade de expresión e no que a banda fai un repaso sobre o que o sistema di que é terrorismo e o que para eles realmente o é. Musicalmente leva a marca Reincidentes durante os 13 temas do álbum, que non é outro que a crítica social e o punk rock.  A voz de Fernando debulla coa súa forza as historias e reivindicacións dos Reincidendes. 

Entre os temas que a banda aborda desta vez, atopamos en Se Acabó la Fiesta ese franquismo que nunca morreu e que continúa hoxe máis vivo que nunca a pesar da morte do ditador. Os abusos sexuais da igrexa son denunciados en La Misa Final. Non se esquecen de Albert Rivera¸ do que deixan moi claro o que pensan en Ciudadano K-K  nin de Susana Díez, no bonus track Susana I de Andalucía, a través dunha revisión do clásico de Miliki, nin tampouco dos USA e o sistema capitalista en Agítese antes de U$á.

Quixera destacar dous temas que me chamaron especialmente a atención neste disco. O primeiro deles é Dentro de Ti. Unha canción que sorprende no seu medio tempo e afastamento do punk  e o seu achegamento a un rock máis clásico á que lle engaden unha letra de amor e desamor conformando o tema máis inesperado e pode que por iso máis destacábel do álbum. O segundo en destaque é Hermano, unha composición que trata sobre o autismo e que cobra máis forza ao tratarse dun tema autobiográfico, sendo que fala da experiencia do propio Fernando co seu irmán autista. 

Un traballo que, agás polo comentado e exactamente o que se agardaba de Reincidentes, que non é outra cousa que o  punk rock  que levan cultivando estas decadas aderezados coas letras que tratan de espertar conciencias para poder cambiar todo iso que lles produce tanta vergoña.

REINCIDENTES NAS REDES

Web: http://reincidentes-sca.es

Facebook: https://www.facebook.com/Reincidentes.Oficial

Twitter: @reincidentesofi

Comentarios