CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Rei Artur, novo exceso visual de Guy Ritchie

reiarturo2
photo_camera Un fotograma do filme

REI ARTUR: A LENDA DE EXCALIBUR

King Arthur: Legend of the Sword

(EUA 2017, 126 min.) 

Dirección: Guy Ritchie

Guión: Joby Harold, Guy Ritchie e Lionel Wigram

Fotografía: John Mathieson

Música: Daniel Pemberton

Elenco: Charlie Hunnam, Jude Law, Astrid Bergès-Firsbey, Eric Bana, Djimon Hounsou, Aidan Gillen, Freddie Fox, Tom Wu, Neil Maskell, Geoff Bell, Craig McGinlay

SINOPSE

Segundo a lenda: “quen logre sacar a espada da pedra será proclamado rei de Inglaterra”. Cando Arturo saca Excalibur todo o poder e artes escuras do malvado Vortigern caerán sobre el e sobre todo aquel que o protexa. 

CRÍTICA

Nos últimos anos, o outrora referente Guy Ritchie (Snatch, porcos e diamantes), está levando unha traxectoria que incita a sospeitar que anda inmiscido nunha sorte de cruzada persoal por actualizar libremente personaxes míticos da escena británica para levalos ao seu terreo, ese tan particular estilo manierista, desatado e cheo de excesos visuais. Fíxoo co famoso detective creado por Arthur Conan Doyle e agora fai o propio cos mitos artúricos. 

Todo o mundo coñece a historia do rei Arturo, da súa espada Excalibur e dos cabaleiros da mesa redonda, senón por documentarse nos libros, si a través do cinema. Quizais unha das máis ambiciosas producións, e tamén máis axustadas á lenda, foi o Excalibur de John Boorman, pero versións hainas para todos os gustos: para nenos temos Merlín o encantador de Disney, para escachar coa risa a inigualábel Os cabaleiros da mesa cadrada dos Monty Python, musicais como Camelot ao máis puro estilo Broadway, ou pastiches de cartón pedra como O primeiro cabaleiro co trío formado Connery-Julia-Gere.

Este rei Arturo de Guy Ritchie comeza forte. Xa de primeiras un espectacular asalto a unha fortaleza de altos muros con... elefantes xigantes... ei, espera un momento! Isto non eran os olifantes d’O señor dos aneis? Bah, deixa estar... fixo que é unha casualidade... démoslle unha oportunidade a ver que pasa... Non tardan en desvelar que Arturo é o lexítimo herdeiro ao trono. Un malvado nigromante, en pacto coas forzas escuras, usurpa o trono. Simba. Pasan os anos e vaise facendo maior vagabundeando polas rúas. Oliver Twist. Tras sacar Excalibur da rocha tórnase un proscrito. Robin Hood. Pero pronto aprende a manexar a espada. Conan. 

Pois si, seica hai un popurrí doutras historias e de rei Arturo máis ben pouco. E que podería saír mal deste sofrito cociñado a lume rápido? Pois todo... e nada... Por unha banda, pouco ten que ver co conto de Camelot, máis ben é a eterna historia do elixido con deixes bíblicos e shakesperianos, e por outra banda resulta unha tolemia de mestura de tal calibre que encaixa á perfección dentro do nivel de fantasía de espada e bruxería que quere alcanzar, un nivel que anda na liña de Krull ou Conan o Destructor ...si, “o Destrutor”.

Charlie Hunnam (Sons of Anarchy) interpreta esta versión híper vitaminada de rei Arturo, un mozo bastante ghicho que semella coñecer xa os esteroides. Ao seu carón conta cunha banda de proscritos bastante simpática, entre os que atopamos o enorme Djimon Hounsou (Gladiator) ou o irlandés Aidan Guillen (No nome do fillo). Non hai Merlín pero si unha xoven maga, interpretada pola francesa-catalá Astrid Bergès-Frisbey (Orixes), que axudará Arturo a recuperar o trono; un trono usurpado por Vortigern, un Jude Law (Sherlock Holmes) que fai de Jude Law, pero enfadado...

Guy Ritchie non dá tregua, coma de costume, e logra que todo o filme sexa un exceso en si mesmo. Todo. A posición de cámara, os encadres retortos, os efectos visuais, a cámara súper lenta, os filtros, os efectos especiais, o vestiario, as interpretacións ou as divertidas estruturas alineais con enxeñosos flash-forwards... Quen coñeza o seu estilo xa sabe máis o menos de antemán que vai ver, quen goce del pois vai ter ración dobre. Certo que entretén, e moito, mais tamén empacha.

Comentarios