Alberta Lorenzo, do proxecto ARGA: "Rehabilitar edificios é que sigan a ser parte da sociedade"

O proxecto ARGA elabora, desde 2014, un inventario das Arquitecturas Rehabilitadas da Galiza. "Naceu, como digo sempre, dunha necesidade de explicar como a arquitectura abandonada volve estar en activo", explica Alberta Lorenzo Aspres. O xermolo foi a súa tese de doutoramento sobre aquel patrimonio que atopaba unha "segunda oportunidade" a través da explotación hoteleira.
Alberta Lorenzo Aspres
photo_camera Alberta Lorenzo Aspres

A que se refire o concepto de arquitectura rehabilitada?

Na plataforma virtual a condición que poñemos é que se produza un cambio de uso, porque entendemos que restauración é voltar a pór en valor aspectos máis artísticos, o que sería a beleza. Vitruvio falaba de utilitas (utilidade), venustas (beleza) e firmitas (estabilidade). A última refírese á estrutura e ao mantemento, que se conserve en pé. A beleza é a parte estética. A utilitas entendémola como esa rehabilitación, co cambio de uso.

Alén das explotacións hoteleiras, que usos atopamos?

Hai moitas edificacións convertidas en museos, por exemplo fábricas. O museo é un pouco o uso para todo. Porque se non se fai un museo dun tema concreto, o propio edificio xa pasa o ser o elemento museábel en si mesmo. Como singularidade, o hospital de Esteiro (A Coruña) agora é un campus universitario. Moitas arquitecturas relixiosas, como conventos e mosteiros, reutilízanse para industria hoteleira. As vivendas pasan a ser tamén hoteis e a arquitectura industrial dá moito xogo. Logo, todo o complexo da illa de San Simón é moi interesante pola historia que ten detrás cada edificio, que se disgregou nun uso distinto. Pero aí xa é cuestión de toda a evolución histórica, máis que o uso en si. O Marco de Vigo antes era a cárcere. Estes serían algúns dos casos máis estraños e insólitos. 

É unha mágoa que por desidia administrativa se vaian deixando construcións que pouco a pouco van desaparecendo

A páxina vive tamén de colaboracións, non?

Si, e toda axuda é benvida. Quen queira colaborar pode facelo mandando casos de rehabilitacións a través do formulario para cumprimentar os datos básicos. É unha maneira de divulgar todo o que se está facendo hoxe en día. 

Hai un apartado de "Ruínas". Fican moitas rehabilitacións pendentes? 

É unha mágoa que por desidia administrativa se vaian deixando construcións que pouco a pouco van desaparecendo. Certo é que precisan moito investimento, mais tamén é porque se deixan botar a perder. Hai moito patrimonio que está nesa situación de abandono, con asociacións vencelladas a el que intentan facer de voz para evitar que desapareza. Igual á Administración lle é máis cómodo deixalo esmorecer e construír de cero que recuperalo cando aínda queda algo da historia do edificio. Para min o importante é que sigan formando parte da sociedade. Á parte de seren documento en pedra, como adoitamos dicir, a través dun novo uso compatíbel e respectuoso —que non sexa peor o remedio que a enfermidade— poden seguir existindo e formando parte dunha comunidade.

Comentarios