A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Regresión', a volta de Amenábar

O detective Kenner (Ethan Hawke) investiga o caso de Angela (Emma Watson) que acaba de acusar ao seu pai (David Dencik) dun crime que non lembra. O doutor Raines (David Thewlis) fará unha regresión hipnótica para revivir os recordos máis reprimidos. Non contan con sacar unha parte escura que apunta a unha conspiración demoníaca.

Regression-trailer-main

Tras máis de 5 anos sen sacar películas -a última foi Ágora- xa había gañas dunha nova de Amenábar. Retoma reparto internacional, guión propio (inda que coa axuda inestimábel de Mateo Gil), ficha na banda sonora ao reputado Roque Baños (Celda 211), na fotografía ao incipiente Daniel Aranyó (Invasor), volve contar no deseño de vestiario con Sonia Grande (Os Outros, Mar Adentro), filma en exteriores canadenses e “regresa” aos seus inicios nunha trama con moito suspense... En fin, uns cimentos ben sólidos que invitaban a pensar nunha nova pequena obra cumio do director hispano-chileno. Pero non...

A cousa si comeza ben. Un axente de policía investiga un caso de abusos sexuais dun pai denunciado pola súa propia filla de 17 anos. O estraño de todo é que o pai non lembra nada do sucedido así que recorren a un psicólogo para que lle trate de sacar os recordos ocultos. Tras unha desconcertante sesión de hipnose regresiva descobren unha aterradora trama de abuso ritual satánico en que parece estar involucrado medio pobo. O escéptico detective comezará entón a dubidar do que é real e o que non. O irracional fronte ao imposíbel. Pesadelos que traspasan o mundo onírico... Excelente dirección e posta en escena que lembra ao Fincher de Zodiac mesturado co máis aterrador de Polanski -A novena porta ou A semente do diaño- e incluso un apunte a Stephen King no, nada casual, cruce da rúa Maine (os seareiros de King pillarán o detalle), sen esquecer tamén un par de autohomenaxes a Tesis e Abre os ollos e, quizais, un punto autobiográfico na personaxe do irmán da protagonista, interpretado por Devon Bostick (O diario de Greg). Elenco encabezado por un Ethan Hawke (Boyhood) correcto no rol de detective, un David Thewlis (A illa do Dr. Moreau) que da o pego coma psicólogo e unha Emma Watson (Harry Potter) con moitas gañas de zafarse dunha vez por todas da personaxe de Hermione...

A historia atrapa desde o comezo con esa investigación difícil onde a suxestión crea unha especie de histeria xeral que chega a cotas verdadeiramente arrepiantes. Pero claro, aínda sendo unha película de xénero con moi boa dirección, agardábase algo máis de Amenábar. Seica un final sorpresa ou unha resolución máis no estilo dos seus comezos. Mais xusto aí é onde opta por estar contido. Tan contido que acaba por embazar o gran momento de bo cine que acabábamos de presenciar ate o momento. Certo é que non engana a ninguén. Desde o primeiro momento pon as cartas sobre a mesa sen reviravoltas nin trampas de guión, pero tamén é certo que unha vez remata o filme hai unha sensación colectiva de decepción claramente apreciable na faciana dos/as espectadores/as. Senón fagan a proba unha vez acendan as luces da sala: queden un rato sentados e miren cara atrás ou como levanta a xente. O xesto é inconfundíbel. Con todo, Regresión é unha película moi entretida, sempre e cando non poñamos grandes expectativas.

REGRESIÓN (Canadá, España 2015, 106 min.)

Dirección: Alejandro Amenábar

Guión: Alejandro Amenábar

Fotografía: Daniel Aranyó

Música: Roque Baños

Elenco: Emma Watson, Ethan Hawke, David Thewlis, Aaron Ashmore, Devon Bostick, Dale Dickey, Lothaire Bluteau, David Dencik, Peter MacNeill

Comentarios