Regresa a Lalín a Bienal Laxeiro abríndose a outras disciplinas

O 5 de maio inaugúrase a Bienal de Arte "Pintor Laxeiro", que comeza unha nova etapa na que introduce na mostra actividades transversais e outras disciplinas como a poesía ou o cinema. E aspira a converterse no evento referencial das artes plásticas en Galiza.

bienal-laxeiro
photo_camera Presentación no CGAC

O CGAC acolleu esta mañá a presentación da 13ª Bienal Pintor Laxeiro de Lalín, cuxa exposición central se abrirá ao público o vindeiro día 5 de maio cunha mostra de 21 artistas. Nesta nova etapa estará á fronte o comisario lalinense Ángel Calvo, que presentou o programa xunto co alcalde, Rafael Cuíña, e a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez. 

Así, a 13ª Bienal de Lalín presenta un formato renovado con respecto ás edicións anteriores, cun tema central que artella a estrutura da mesma e que amplía o seu campo de acción a outras disciplinas coma a poesía, o cinema ou o pensamento. “Nun instante no que a arte galega pretende dun xeito non regulado definir a súa relación co pasado, esta edición da Bienal trata de preguntarse se realmente existe un vínculo entre pasado, presente e futuro e reflexiona acerca de como se suxire esta ollada”, apuntou Calvo Ulloa.

A exposición central, que se abrirá ao público o vindeiro 5 de maio no Museo Municipal, será o punto de partida de case tres meses de actividades

A exposición central, que se abrirá ao público o vindeiro 5 de maio no Museo Municipal, será o punto de partida de case tres meses de actividades. Inicialmente esa mostra estará composta por 21 artistas convidados que suporán un breve percorrido polo pasado e presente da plástica galega e que presentarán unha serie de traballos históricos coma no caso de Xoán Torres ou Armindo Salgueiro, así como traballos de recente creación de artistas coma Alejandra Pombo, Diego Vites, Lúa Ribeira ou Tamara Feijoo.

Máis alá da exposición central, desenvolveranse outras liñas que contarán con programas específicos no campo do pensamento e o debate, dentro do cal se desenvolverán nos días 2, 9 e 16 de xuño tres palestras que reunirán no Salón de Actos da Biblioteca Municipal a diferentes figuras de recoñecido prestixio na cultura galega e estatal. 

Na de poesía, que terá lugar o 24 de xuño, participarán Chus Pato, Xoán Carlos Rodríguez, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Ana Romaní, Oriana Méndez, Antón Blanco e Alfonso Traficante. E os días 7, 8 e 14 de xullo terá lugar o programa de cinema, elaborado polo Cineclube de Compostela.

Comentarios