Galaxia publica 'Un vento que pasa'

Regresa Alfredo Conde cunha novela escéptica sobre a senectude

Un vento que pasa é “unha esaxeración propia dun vello consentido”. Así resume Alfredo Conde (Allariz, 1945), veterano e premiado novelista, a súa última novela, peza escéptica sobre a senectude. É o seu regreso ás librarías tres anos despois da versión galega do Beato -publicada orixinalmente en castelán- e cinco despois do policial Chovida do ceo.

photo_camera O escritor Alfredo Conde nunha conferencia na Estrada en 2005. Foto: Galipedia.

novela alfredo condeUn vento que pasa (Galaxia, 2019) relata a historia dun home enfermo que, nos intres finais da súa vida, “escoita os relatos que lle contan os seus compañeiros de doenza mentres lembra e debulla a súa propia peripecia”. Desde a editorial Galaxia explican que a trama é “contada dende o cinismo e o sarcasmo”: “[O protagonista] é un home atado así mesmo que soamente posúe unha certeza, a constancia dos seus erros”.

“Conde presenta un narrador escéptico e sagaz para quen a sabedoría é ao tempo condena e salvación”, engade a nota de Galaxia, “ás veces obscena, outras con ironía clarividente, o ton confesional desta novela fai abrollar a farsa da vida”.

Alfredo Conde, cuxos inicios na literatura ocorreron no campo da poesía, é autor dunha extensa obra narrativa entre a que salientan títulos como Breixo (1981), Memoria de Noa (1982), Xa vai o griffón no vento (1984) -Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Cultura-, Romasanta (2004), Lukumí (2006) ou María das Batallas (2007).

Comentarios