Volve Marful

Marful volve aos escenarios o sábado 30 de novembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro da programación da Culturgal. Neste agardado reencontro a banda estará acompañada de Sabela Ramil, quen interpretou o tema Tris-Tras na final de Operación Triunfo.

Marful
photo_camera Marful

Marful pisará de novo os escenarios. Após seis anos de longa ausencia, Marcos Teira, Pedro Pascual, Pablo Pascual e Ugia Pedreira subirán unha vez máis xuntas ás táboas. Será o sábado 30 de novembro, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro da 12ª Culturgal Feira das Industrias Culturais, que se celebra de 29 de novembro a 1 de decembro.

Despois de transitar cadanseu camiño por separado, as catro integrantes de Marful van rememorar as súas vellas andainas musicais. Mais non o farán soas. Sabela Ramil cantará con elas “Tris-Tras”, a peza que escolleu para interpretar na final do programa Operación Triunfo, conquistando as boas palabras do xurado. Gozarán tamén da compaña dos músicos colaboradores do seu último disco Manual de Seducción, José Manuel Díaz ao contrabaixo e Leandro Deltell á batería. A escenografía correrá da man de Mercé de Rande, con José Trincado ao son e Alberto Casas nas luces.

Inclasificábeis, a crítica de principios do século XXI non tiña claro como etiquetalas

Inclasificábeis, a crítica de principios do século XXI non tiña claro como etiquetalas. Convertidas xa en clásicos, impulsaron e inspiraron moitas artistas coa súa peculiar mestura de música tabernaria, música de porto e música americana galega. Dous discos e numerosos directos que os levarían aos escenarios máis insospeitados – a granxa Maruxa, a fábrica de Sargadelos, conserveiras e museos... – deixan lembranza no seu público, que poderá volver abanearse ao ritmo de “Leverelem”, “Habaneira da Fin” ou o “Tango sen paz”.

Comentarios