A rompedora 'O Triángulo inscrito na Circunferencia' é orixinal de 1982

Reedición da novela debut de Víctor Freixanes

Cando se publicou por primeira vez en 1982, O Triángulo inscrito na Circunferencia foi saudada como peza chave da renovación da novela galega após a ditadura. Trinta e sete anos máis tarde, Galaxia reedita o debut de Víctor Freixanes, unha epopea que ignora as lindes entre a realidade e a ficción.

Victor F Freixanes ©Iolanda Casal
photo_camera O escritor e presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes. Foto: Iolanda Casal.

“Unha ambiciosa metáfora que pretende explicar algúns dos momentos máis transcendentais de Galiza e a súa historia”, é definida no web da editorial, “a epopea, verdadeira e fantástica, dos vellos navegantes galegos”. A obra, no seu día premio Blanco Amor e da Crítica Galicia, revelou un autor de longo alento, vontade épica e ningún temor á procura de territorios inexplorados.

O triangulo inscrito na circuferencia

Freixanes (Pontevedra, 1951) inventou para a ocasión Vilanova de Alba, nas Rias Baixas, que volvería aparecer en A Cidade dos Césares (1993) e Cabalo de ouros (2010), os dous últimos títulos dunha traxectoria que completa O enxoval da noiva (1988). A narración do Triángulo... acontece durante a Década Ominosa, a da restauración absolutista despois do Trienio Liberal.

Finalmente o libro relata a historia dunha cidade desparecida, arrasada polo lume nas guerras de oposición ao catolicismo absolutista e só supervivente na imaxinación. “Nunca unha novela galega foi acollida cun consenso tan unánime da crítica e dos lectores”, escribiu Basilio Losada -que se encargaría de traducila ao castelán- en Grial, “unha obra maxistral, que convén deixar así: illada e propia, para delicia do lector”.

A nova edición da novela é unha versión revisada por un escritor -hoxe presidente da Real Academia Galega- que algunha vez citou entre os seus mestres literarios a figura do cubano Alejo Carpentier. “Velaí a nau capitá, a fermosa nau de don Bartolomeu, almirante das Novas Indias, bravo e guerreiro coma outro non houbo”, comeza O Triángulo inscrito na Circunferencia.

Comentarios