venres 07/05/21
Redrum Teatro prepara a estrea da obra de Jordi Casanovas 'Un home con lentes de pasta'

A cultura do narcisismo a escena

A impostura, o narcisismo, a pose, o protagonismo desmedido de persoas cuxo único mérito é crear unha coidada imaxe de si mesmas. Son os temas que trata Un home con lentes de pasta, unha obra do dramaturgo catalán Jordi Casanovas que, ademais, deita unha mirada irónica sobre o papel que xoga a cultura en certas capas da sociedade. O Teatro Principal de Ourense será o escenario onde Redrum Teatro estreará a súa versión desta obra, dirixida por Álex Sampaio.   
 
De esquerda a dereita, Guillermo Carbajo, Fernando González, Laura Míguez e Sheyla Fariña nun ensaio.
De esquerda a dereita, Guillermo Carbajo, Fernando González, Laura Míguez e Sheyla Fariña nun ensaio.

"Os seus contos son boísimos porque sempre teñen como un elemento sorpresa. Todo sucede nunha aparente normalidade ou cotiandade e de súpeto dáse un feito extraordinario que pon o personaxe principal nunha situación extrema". Unha das personaxes de Un home con lentes de pasta, a obra que a compañía Redrum estreará en maio, presenta así a escrita dunha amiga, e a montaxe reproducirá fielmente esa exposición: da comedia de costumes ao terror, da crítica irónica á admonición política.

A estrea terá lugar no Teatro Principal de Ourense os días 7 e 8 de maio

Unha parella con aspiracións intelectuais, unha súa amiga que acaba de separarse e que escribe contos e un home que presume de viaxado, lido e cultivado –ou sexa, un perfecto imbécil– protagonizan unha comedia de costumes na que o sarcasmo vai deixando sitio a un thriller psicolóxico que acaba por mudar en terror gótico.

Dirixidos por Álex Sampaio, Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Fernando González e Laura Míguez dan vida ás catro personaxes que estruturan unha parábola política que prevén sobre unha concepción da cultura que agocha sutís –e non tanto– formas de dominación. A devoción pola imaxe narcisista, o parecer antes que o ser, son analizados como elementos que conforman un principio de manipulación de consecuencias sociais devastadoras.

Un home con lentes de pasta é a segunda obra do dramaturgo catalán Jordi Casanovas que Redrum monta. Coa primeira, Idiota, Machi Salgado obtivo o Premio María Casares a Mellor Actor. "Se por min fose repetiríamos unhas cantas veces máis", declara Álex Sampaio, director da compañía, "Casanovas é un dos autores contemporáneos que máis me interesa. É complicado atopar un autor do que poidas escoller moitos textos e con el ocórreme, sexa cal sexa o xénero co que traballe".

A obra continúa unha liña moi marcada na compañía de montaxes de autores consolidados que posúen un grande atractivo para o público. Álex Sampaio declara que "eu antes que director son unha persoa que forma parte do público e sempre que busco os porqués, os motivos para pór en pé unha obra, penso se serei quen de ver trinta ou corenta veces a montaxe. Se non pasa ese filtro, prefiro non montala.

Tendo a buscar textos que eu querería ver como espectador. Despois están as razóns que, como director, me leven unha obra concreta: a oportunidade do tema, a posibilidade de que conecte co público… Hai unha parte impulsiva na escolla de obras que non responde a criterios racionais. Por outra banda, na compañía somos dous socios e temos que estar de acordo na escolla: en moitas ocasións Guillermo (Carbajo) bótame abaixo as miñas eleccións ou ao contrario. Temos que chegar a acordos".

Xiro argumental 

Resulta difícil falar de Un home con lentes de pasta sen estragar a sorpresa, que ten un papel crucial no desenvolvemento da función. Redrum adoita escoller obras nas que un xiro inesperado nos acontecementos descoloca o público desmontando as súas expectativas –pódese pensar non só en Idiota, senón tamén en A canción do elefante, ou en Estás aí?– e obrigándoo a redefinir os parámetros cos que xulga personaxes e acontecementos.

"Creo que iso ten que ver máis coa miña vertente de creador cinematográfico", explica Sampaio. "Son textos que xogan moito coa estrutura, que teñen unha armazón moi traballada desde un punto de vista moi clásico. Nalgunha das producións nas que estamos traballando estamos experimentando con outra liñas: xa se puido ver algo diso en O mozo da última fila e verase aínda máis na vindeira produción, un texto de Fernando Epelde no que xogamos moito coa autoficción e cunha estética máis contemporánea. Mais eu teño certa preferencia por esas construcións clásicas e xenéricas que atrapan a persoa que está vendo a función".

Ese xiro nos acontecementos que leva Un home con lentes de pasta desde o terreo da comedia de costumes até as inmediacións da ciencia ficción e do terror resulta moi exixente para o elenco: as personaxes deben evoluír desde unha chave cómica até un rexistro dramático e ese cambio fai parte do atractivo da obra.

"Traballamos nunha liña moi naturalista: os catro compoñentes do elenco teñen moita experiencia nese rexistro e iso facilita moito as cousas. Eu falei con Casanovas para que nos permitise rebautizar as personaxes, de modo que na obra teñan os mesmos nomes que teñen os actores na vida real, para tratar de reproducir a proximidade que existe entre eles. Teñen unha relación persoal moi antiga e esa química transmítese axiña ao patio de butacas. Sorprendeume o divertido que é traballar así, o humor que lle transmiten ás personaxes. Houbo mesmo unha proximidade que houbo que reprimir polas restricións sanitarias que impón a pandemia, mais aínda así a distancia entre elenco e público redúcese moito".

"Vivimos nunha sociedade da imaxe que camufla un profundo baleiro existencial", afirma Sampaio

Sobre a sociedade da imaxe

A obra, porén, non se esgota no artificio técnico e reborda mala baba sobre moitos aspectos da sociedade actual, especialmente sobre as consecuencias da hipertrofia da cultura da imaxe. Sampaio declara, con humor, que "moitas persoas da profesión pódense ver reflectidas nalgún dos personaxes da obra; de feito, decidimos non presentala á feira deste ano por se alguén se sente ofendido".

"En certa forma", engade, "a crítica preséntase dunha maneira moi fina e ambigua, contemplando a posibilidade de que todas teñamos algo destas personaxes. É a historia do rei espido, dunha conduta que sempre se deu pero que agora está moi esaxerada polas redes sociais e pola inmediatez da información. Vivimos nunha sociedade da imaxe que camufla un profundo baleiro existencial".


Autores contemporáneos

Álex Sampaio amosa a súa preferencia pola obra do catalán Jordi Casanovas, autor de obras tan exitosas como Jauría ou Ruz-Bárcenas, entre outras que se puideron ver recentemente na Galiza. A compañía aposta na autoría contemporánea, montando obras de autores galegos (#2 Pilgrims de Fernando Epelde, Invisibles de Montse Fajardo), do resto do Estado (O mozo da última fila de Juan Mayorga, Idiota do propio Casanovas) ou internacionais (Estás aí? de Javier Daulte, A canción do elefante de Nicolas Billon).

comentarios