Redrum Teatro leva de xira unha obra sobre novas masculinidades

'#2 Pilgrims' pon o foco sobre a igualdade.
Unha escena de #2Pilgrims. (Foto: Redrum Teatro)
photo_camera Unha escena de #2Pilgrims. (Foto: Redrum Teatro)

Redrum Teatro inicia esta cuarta feira, 28 de xullo, a xira da súa nova produción: #2Pilgrims. A obra, estreada a semana pasada na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, está dirixida por Alex Sampayo con dramaturxia de Fernando Epelde e cun elenco conformado por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo.

O espectáculo preséntase como unha comedia con grandes doses de absurdo que ten como obxectivo achegar ao público adolescente, a través do humor, unha fonda reflexión sobre as novas masculinidades. 

#2Pilgrims, a décimo quinta produción de Redrum Teatro, encaixa no marco do chamado teatro social, unha liña de traballo que a compañía leva desenvolvendo nos últimos anos a través de obras como A nena que quería navegar, que trata sobre o acoso escolar, ou Invisibles, montaxe que aborda a violencia de xénero.

Con #2Pilgrims aborda unha comedia de autoficción que ten como pano de fondo o Camiño de Santiago para tratar temas como as novas masculinidades, o feminismo ou concienciación fronte á violencia de xénero. 

Trátase, polo tanto, dunha obra que nace da necesidade de encher un oco no teatro con espectáculos dirixidos ás novas xeracións que poñan o foco na reflexión sobre a igualdade e na concienciación fronte a violencia de xénero. 

A primeira parada da xira será na noite desta cuarta feira en Triacastela, ás 22 horas na Praza da Deputación. A seguir, o espectáculo recalará en Mondoñedo (29 de xullo), Rois (30 de xullo), Castroverde (31 de xullo) e Rodeiro (1 de agosto). 

A compañía continuará con funcións á volta do verán coas seguintes paradas: As Neves (3 de outubro), Vilalba (6, 7 e 8 de outubro), Oroso (15 de outubro), Cambre (24 de outubro), Muxía (27 de novembro) ou Padrón (10 de decembro). 

Comentarios