“Ó redor de Castelao” no seu Rianxo e no verán

Un curso de verán da Universidade de Santiago xirará “Ó redor de Castelao” do 28 a 31 de Xullo. O presidente da Fundación, Carlos Mella, é o seu director e Rianxo, a vila natal do autor de Sempre en Galiza, a súa sede. 

Castelao
photo_camera Castelao

“Este curso pretende ser unha achega multidisciplinar á figura multifacética de Castelao. A súa perspectiva dende hoxe precisamente sobre os temas sobranceiros no seu facer, o pensamento económico en Castelao, os debuxos de nenos, o mundo da muller, e Castelao e o home galego hoxe. Todo isto dende o punto de vista de modernizar a visión canónica, espetada e referida ao pasado”, explican nos obxectivos do curso que dirixe Carlos Mella e que ten no antropólogo Marcial Gondar Portasany o seu secretario. 

“Castelao é posuidor dunha capacidade analítica que non podemos esgotar na simple contemplación do pasado”, apuntan, para convidar a reflexionar durante catro días cun programa que se inicia coa conferencia do historiador Xusto Beramendi sobre Castelao e a política, tema que tamén ocupará unha mesa redonda coordinada por Amancio Liñares Giraut con Carlos Mella Villar. Presidente da Fundación Castelao, o antropólogo Marcial Gondar Portasany e o escritor David Otero Fernández como relatores, antes de iniciar unha ruta guiada polos lugares máis importantes da biografía de Castelao na súa vila natal. 
        
“Castelao e o home galego” e  “Castelao e o mundo da muller” son os tema que abordarán Marcial Gondar e a historiadora Encarna Otero respectivamente nunha xornada que incluirá a mesa redonda sobre os retratos de negros moderada por Miguel Anxo Seixas coa participación de Amancio Liñares, David Otero e Anxo Tarrío e que rematará cunha ruta guiada pola ría. 

Miguel Anxo Seixas sobre a súa arte e Esparanza Mariño, Carlos Mella, Marcial Gondar e Encarna Otero arredor do relato curto son os temas centrais do día 30 que incluirá unha visita aos museos de Dieste e Manuel Antonio. O presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, pechará o programa co relatorio “A visión económica de Castelao”. 

Comentarios