xoves 06/08/20
Prima filmes rodados na Galiza e na nosa lingua

Redondela inaugura unha filmoteca en galego pioneira

Unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do concello que está a ter unha acollida moi boa entre todas as idades. A idea xurdiu a raíz do éxito de público das xornadas de cinema organizadas o pasado ano.
o que arde foto
o que arde foto

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela vén de inaugurar unha nova colección na biblioteca municipal: unha filmoteca de cinema galego e en galego. A idea xurdiu a partir da I Xornadas de Cinema Galego organizada o pasado ano, con proxeccións e coloquios de filmes como O que arde (Oliver Laxe, 2019). A boa acollida da que gozou o evento, cada 15 días e cunha media de 100 persoas, levou a pór en marcha unha iniciativa que consideran pioneira a nivel municipal, primando unha escolma de filmes en galego e feitos na Galiza, segundo explica a Nós Diario o responsábel do servizo, Xurxo Martínez.

Decidiuse así darlle un pulo ao cinema en galego aumentando a colección da biblioteca para producir este arquivo. O criterio lingüístico é un tema controvertido no eido cinematográfico para definir as identidades dos filmes, que, por exemplo, non se ten en conta na adxudicación das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para a que son subvencionábeis filmes rodados en castelán e logo subtitulados. Con todo, aínda que en principio películas como A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999) non aparecen recollidas, contemplan a posibilidade de incluílas sempre e cando teñan versión en galego.

Esta filmoteca está a ter unha boa acollida en xeral, entre todas as franxas de idades, que Martínez asocia a un incremento do interese do público polo noso audiovisual logo do "boom do novo cinema galego", a tamén controvertida etiqueta, que marcaba un antes e un despois co éxito nas salas da xa mencionada O que arde. Para alén de filmes de ficción e documentais, a escolma inclúe series de televisión, un sector que tamén está a atravesar unha época dourada.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística están valorando facer unha segunda xornada por volta de outubro ou novembro, segundo sexa posíbel en relación ao avance da Covid-19, seguindo ese mesmo modelo de participación.

comentarios