No concello de Allariz

Redescubrindo o xacemento de Armeá

A campaña realizada no xacemento de Armeá en xullo chega o seu fin. Durante o pasado mes un grupo de 20 de arqueólogos continuaron a traballar como cada verán neste xacemento do concello de Allariz. Entre os descubrimentos destaca a domus norte deste enclave arqueolóxico que data do s.IV a.C. ao II d.C. e do que se estima que só se descubriu pouco máis do 5%.

xacementodearmeá

O Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geeat), do campus de Ourense da Universidade de Vigo, foi o encargado de levar a cabo as actuacións. O director da campaña, Adolfo Fernández, explica que se trata dun xacemento moi pouco escavado polo que se tivo que proceder con tento para recadar todos os datos arqueolóxicos.


O xacemento data do s.IV  a.C. ao II d.C. Entre os 20 arqueólogos participou alumnado universitario en prácticas. Quitar capas de terra, limpar e fotografar os obxectos eran parte das tarefas dos arqueólogos. “Despois de fotografar, procedíamos a súa extracción e a catalogar e estudar as pezas atopadas”, explica Daniel Gil, membro do grupo de traballo.  


A maioría das pezas atopadas son fragmentos de cerámica cos que posteriormente se tenta reconstruír o obxecto orixinal. Ao remate da campaña, estas pezas pasarán a formar parte dos arquivos de museos e da Universidade de Vigo aínda que, na súa maioría, non serán expostas ao público. Ademais, esta campaña serviu para facer sondaxes de posíbeis novas zonas de investigación.