CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Redención, pouco máis que un telefilme

redencion2
photo_camera redencion2

REDENCIÓN

Southpaw

(EUA 2015, 124 min.) 

Dirección: Antoine Fuqua

Guión: Kurt Sutter

Fotografía: Mauro Fiore

Música: James Horner

Elenco: Jake Gyllenhaal, Forest Whitaker, Rachel McAdams, Oona Laurence, Curtis ’50 cent’ Jackson, Skylan Brooks, Naomie Harris, Miguel Gómez, 

SINOPSE

Billy Hope é un boxeador de éxito que leva unha vida de luxo xunto a súa esposa e a súa filla. Un revés do destino faille perder todo. Terá que comezar de cero se quere recuperar todo o que lle importa.

CRÍTICA

Non é raro que as carteleiras do noso país estean cheas de filmes con títulos que non teñen nada que ver co orixinal. Ás veces o creativo encargado de tan “ardua” tarefa atina con títulos que figuran na memoria colectiva coma Aterra como poidas! (en troques de Airplane!, que era o orixinal) ou Sorrisos e lágrimas (en lugar do insulso The Sound of Music), pero en outras váiselle un pouco a pinza, e acaba por rozar o absurdo... Exemplos, que todas e todos sabemos, son Eternal Sunshine of the Spotless Mind (da que me nego a poñer o título-ocorrencia) ou O diario de Noa (que era só The Notebook pero por algunha estraña razón decidiron meter o nome do protagonista “Noah” facendo que pareza muller ao perder o “h” final... en fin). Traducir Southpaw (que é como se denomina ao zurdo no boxeo anglosaxón) por Redención (título que teñen milleiros de telefilmes e filmes de baixo presuposto) semella outra desas cagadas dos cabezapensantes... mais desta volta non podo estar máis de acordo coa decisión. E é que un título tan anódino coma Redención acáelle á perfección a un filme de boxeo cheo de clixés, lugares comúns, conversas baleiras, sobreactuación, montaxe acelerado e cun guión que xa vimos mil e unha veces. Un título perfecto para que pase desapercibido e acabe rápido no lugar que lle corresponde: ser recheo de programación televisiva para calquera sobremesa de domingo. Con razón tardou máis de dous anos en se estrear... Era un proxecto feito para que encarnara o rapeiro Eminem mais acabou só por colaborar na banda sonora e deixou paso a un Jake Gyllenhaal (Brokeback Mountain, Nightcrawler) que se pon mazas para interpretar a Billy Hope, un boxeador bocas e violento que toca teito no boxeo pero un día perde todo, así que terá que enfrontarse a si mesmo, e a outro boxeador, para levantar cabeza. Para acadar o seu obxectivo convence a un adestrador desencantado co careto de Forrest Whitaker (O último rei de Escocia, Rogue One) que, estrañamente, non pon moita reticencia a pesar do seu negativo carácter. Non faltará o training montage (desta volta a ritmo de rap), o ximnasio estartelado, o adestrador salvador, emoción forzada, escenas a cámara lenta, moito sangue, comentaristas omnipresentes e o combate final con final feliz in extremis... O de sempre, vamos... Nada novo no horizonte. A cousa tiña vimbios de ser un filme cando menos interesante, pero non. Que o nome do protagonista sexa Hope, en clara alusión á “Gran Esperanza Branca”, di moito do contido polo que se move a cousa... Supón unha das derradeiras composicións de James Horner antes do seu inesperado falecemento e coméntase que traballou gratis pola falta de presuposto de Redención... Nótase. Mais sendo xustos hai que recoñecer que é unha banda sonora á altura do nivel do filme, así que pouco que obxectar. Redención/Southpaw é altamente recomendábel para quen queira gozar vendo a portentosa transformación dun Jake Gyllenhaal cos músculos esculpidos en mármore tal que fora un deus grego... quen non estea pola labor, pode quedar K.O. con dúas horas de tedioso drama pretensioso e previsíbel.

Comentarios