A Rede Iberoamericana de Arte Urbana nace con impulso galego

7H Cooperativa e outras cinco entidades son as promotoras.
7H
photo_camera Nace a Rede Iberoamericana de Arte Urbana (Foto: 7H)

A Rede Iberoamericana de Arte Urbana (RIAU) comezou esta semana a súa andaina co obxectivo de "traballar colectivamente na profesionalización do sector desde a promoción das boas prácticas e o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes".

O grupo motor da proposta, impulsado pola entidade galega 7H Cooperativa Cultural en colaboración con Asalto Proyectos Culturales (Zaragoza), Fundación Contorno Urbano (Barcelona), Madrid Street Art Project (Madrid), Mistaker Maker (Lisboa) e Parees Fest (Oviedo), aspira a construír un espazo aberto de diálogo e reflexión transformadora que inflúa tanto nos modelos de xestión privados como nas políticas públicas culturais que inciden no sector.

Fronte á necesidade de responder de forma conxunta a desafíos compartidos, derivados fundamentalmente da desigualdade de xénero e da precariedade xeral da cultura urbana, esta pioneira iniciativa procura favorecer o intercambio de experiencias, a cooperación e a conectividade entre axentes de territorios situados a ambas as dúas beiras do Atlántico.

Para estimular este pensamento estratéxico colaborativo, a Rede programou un ciclo de encontros virtuais de análise e debate destinados a profesionais, entidades e axentes do sector e orientados á elaboración dunha Guía de Boas Prácticas na Organización de Festivais de Arte Urbana.

O documento, aínda inexistente no sector, é considerado polas entidades promotoras como unha condición imprescindíbel para conseguir xerar emprego sustentábel e de calidade.

O primeiro dos encontros terá lugar mañá de 16 a 17.30 horas. 

Comentarios