A Rede da Galilusofonía acorda crear un ciclo de teatro afeccionado

Anuncia un programa de actos para o Mes da Lingua, que será en maio para coincidir co Día da Lingua Portuguesa e o Día das Letras Galegas.
Un instante da obra que se representou durante a reunión decorrida en Braga. (Foto Rede da GaliLusofonía)
photo_camera Un instante da obra que se representou durante a reunión decorrida en Braga. (Foto: Rede da GaliLusofonía)

A última reunión da Rede da GaliLusofonía -institución na que están integrados distintos colectivos quer da Galiza, quer de Portugal-, decorrida esta pasada fin de semana na localidade de Braga, permitiu comezar a tecer unha axenda de actos para o impulso dos dous idiomas, tanto o galego como o portugués, así como para ambas as culturas por extensión.

O anuncio de maior calado é quizais a posta en marcha dunha nova data a sinalar no calendario: o Mes da Lingua

As persoas representantes dos consellos de dirección das dúas delegacións acordaron que, ademais de seguir coas actividades habituais desde a fundación desta entidade, promoverán e organizarán o Mes da Lingua, que será en maio. 

Dado que o Día da Lingua Portuguesa decorre cada 5 de maio e o Día das Letras Galegas cadra todos os días 17 do mesmo mes, considerouse oportuno promover diferentes actividades comúns para celebrar e impulsar ambos os idiomas ao longo de todo o chamado Mes da Lingua.

A escena para unir as dúas beiras do Miño

Por outra parte, esta segunda feira comunicouse que tamén existe a intención de crear unha mostra de teatro afeccionado transfronteiriza na que xogarán un papel fundamental as compañías teatrais xa adheridas á rede pero que estará aberta a outros grupos. 

As representacións que se vaian acordaron nos próximos meses serían a un e outro lado do Miño indistintamente, mais aínda non se concretaron datas. 

“Com estas acções, a Rede continuará a comprometer os membros na participação, promoção e difusão das distintas iniciativas, com trabalho cooperativo e estabelecimento de parcerias e continuar a integrar nesta rede todas as entidades e pessoas que se identificam com os seus propósitos em qualquer dos povos unidos pela língua comum”, indicaron fontes do colectivo a través dun comunicado difundido esta segunda feira.

Polo de agora, forman parte do grupo da Galilusofonía perto de 30 entidades. Por exemplo, están baixo este paraugas colaborativo A Mesa pola Normalización Lingüística, a Academia Galega da Língua Portuguesa, aRi[t]mar Galiza e Portugal-Escola Oficial de Idiomas de Compostela e a Cátedra José Saramago da Universidade de Vigo, entre outras.  

Comentarios