Unha base de dados sobre xogo tradicional

Recursos en liña sobre o patrimonio lúdico galego

Nace a primeira base de dados online sobre xogos tradicionais galegos. Con máis de 200 recursos, a páxina inclúe empresas, asociacións, clubs, centros educativos e fabricantes de xoguetes e conta co apoio do Consello da Cultura Galega.

Foto 5

Esta páxina web promete ser unha fonte de referencia para calquera interesado no ámbito. O  obxectivo do proxecto é dar resposta á necesidade de información sobre o patrimonio lúdico galego, que, dende a plataforma, afirman é cada vez máis evidente.

A iniciativa nace da colaboración de diferentes entidades galegas que participan en proxectos comúns de investigación e divulgación do xogo tradicional do país: ETNOGA, MELGA, XOTRAMU, TEMPO DE XOGAR, BRINQUEDIA e AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional), e xurde para dar resposta ao número de consultas recibidas.

Paco Veiga, da AGXPT, “houbo que recuperar a información case a conta gotas”.

Para a construción da base de dados foise recollendo pouco a pouco a información e funcionou moito o boca a boca. Nalgúns casos, explica Paco Veiga, membro de AGXPT, “houbo que recuperar a información case a conta gotas”. O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos da península e dende comezos do século XXI, Galiza está representada por tres entidades na Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais. Algunhas investigacións sitúan o noso país só detrás de País Vasco e Nafarroa tendo en conta o número de xogos tradicionais e a súa vixencia.

Porén, o xogo tradicional é un ámbito no que apenas hai información ata comezos do século XIX e non foi ata finais dos anos 90 comezos do século XXI cando comeza a haber iniciativas a nivel global, explica Veiga. “Estamos nunha fase medianamente digna pero realmente fai falla unha estratexia global de recuperación dos xogos tradicionais”, declara o membro de AGXPT.

Dende contactos de colectivos, empresas, clubs etc. ata fondos documentais e bibliográficos, pasando por recursos musicais e recursos en liña. Todo isto se pode atopar na base de datos, que inclúe tamén enlaces a outras webs onde aparecen descricións dos xogos.

A páxina é un recurso en permanente construción e en cada unha das seccións invítase a que o visitante aporte información que note en falta. Ademais, o mesmo grupo de entidades vén de crear a marca “Patrimonio lúdico galego” coa que se pretende dotar de forma as actividades relacionadas co xogo tradicional que se levan a cabo na Galiza. A páxina web pode atoparse en www.xogostradicionais.gal  e www.xogospopulares.gal .

Comentarios