Recuperada a obra inédita de Méndez Ferrín que motivou o seu encarceramento en 1969

A novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, así como a posesión doutro material, custáronlle ao autor ser detido, xulgado e encarcerado, durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda ilegal.

ferrin
photo_camera Imaxe dunha das dúas copias da obra orixinal mecanografada por Ferrín (Universidade de Vigo)

O docente e investigador da Universidade de Vigo (Uvigo) Fernando Ramallo localizou e promoveu a restauración dunha obra inédita de Xosé Luís Méndez Ferrín que, xunto á posesión doutros exemplares, motivou o seu encarceramento en 1969.

Tres libros de Mao-Tse-Tung, dúas revistas sobre Cuba, un libro sobre Hô-Chi- Minh, o poemario Os nenos do Vietnam de Farruco, mais sobre todo tres exemplares da súa novela inédita de 41 páxinas asinada co pseudónimo de Laín Feixóo, Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, custáronlle a Ferrín ser detido, xulgado e encarcerado, durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda ilegal.

Segundo precisou a universidade nun comunicado, Ramallo recolleu este proceso de recuperación no artigo De arquivos, memoria e literatura política: a recuperación da novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro de Xosé Luís Méndez Ferrín, que se publicará na revista A Trabe de Ouro. Ademais, o investigador pediu ao autor a que faga pública a novela .

"Na nosa opinión, o texto, alén do seu innegábel valor literario, ten un valor histórico de primeira magnitude, polo que animamos o seu autor a que a faga pública. Confiamos que así sexa, porque a súa publicación será o punto final da restauración e, asemade, Galiza quedará agradecida", asegurou Ramallo.

Ferrín escribiu a novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, de 41 páxinas, baixo o pseudónimo Laín Feixóo hai máis de 50 anos. Desta maneira, foi dedicada a "O Piloto, derradeiro guerrilleiro e Galicia, abatido a tiros en Belesar (Lugo) no ano 1965. Na memoria de Foucellas, Ponte, Raul, Bailarín, Curuxás e tódolos xefes guerrilleiros que defenderon o honor, a liberdade, a democracia da NACIÓN GALEGA e morreron".

ferrin2

Polo de agora só transcenderan algúns fragmentos recollidos na sentenza que condenou a prisión o escritor. Nestes incluíanse referencias explícitas ao antifascismo, aos maquis galegos asasinados, á democracia e á revolución, entre outros.

Nun contexto marcado pola aplicación do estado de excepción en España, o autor afirmara na súa primeira declaración na comisaría de Vigo no mes de xaneiro, no proceso iniciado polo Tribunal de Orden Público, que esta obra inédita constituía unha ficción alegórica baseada en feitos reais que non pensara publicar.

Cumpridas as penas de prisión ás que Ferrín foi condenado, primeiro no centro penitenciario de dilixencias de Vigo e posteriormente na colonia penitenciaria de El Dueso en Santoña, os tres exemplares, así como a tradución encargada a Francisco Fernández del Riego polo xuíz instrutor do Tribunal de Orden Público, de Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, caeron no esquecemento.

Localización

En marzo de 2018, tras unha conversación co tamén ex presidente da Real Academia Galega, o investigador Ramallo iniciou un proceso que permitiu a localización da obra inédita. En concreto, Os corvos, a figueira e a fouce de ouro formou parte da documentación relacionada co caso da detención de Méndez Ferrín e dos fondos do actual Centro Documental da Memoria Histórica, situado en Salamanca, que depende da Secretaría de Estado de Cultura.

ramallo

Unha vez recuperada a novela, comprobouse que quedara compactada nun bloque debido á humidade, que tamén causara que se xerasen microorganismos diversos, como fungos e insectos. Dado o deterioro que presentaban as copias e a tradución, o equipo de restauración do Arquivo Provincial de Salamanca desaconsellou a manipulación da obra.

O tamén director da Área de Normalización Lingüística da universidade explicou que o informaran de que o proceso de restauración debía tramitarse ante o Arquivo Histórico Nacional, así como que, de aceptalo, suporía un longo tempo. Con todo, explicou que insistira na necesidade de restaurar o manuscrito "máis aló de demora temporal que puidese levar consigo" ao aludir á relevancia das obras de Méndez Ferrín "cunha explícita referencia á súa candidatura ao Premio Nobel de Literatura en numerosas convocatorias".

Restauración

Desta maneira, en xuño de 2018, obtívose a confirmación de que a obra fora enviada ao Laboratorio de Restauración do Arquivo Nacional, cuxos traballos concluíron en setembro de 2019. Así, remitíronse as imaxes dixitais solicitadas, entre as que se incluían dúas copias da novela e unha da tradución, o que permitiu editar o manuscrito.

Aínda que houbo partes que non se recuperaron das distintas copias, comprobouse que as que non eran lexíbeis nun dos documentos non resultaran danadas noutros. Así, salvo algunhas palabras que non se puideron aclarar, a obra recuperouse practicamente por completo. Ademais, acordouse co autor o mantemento dos fragmentos orixinais, aínda que non respectasen a normativa actual, e marcáronse con distintas cores as partes construídas.

Comentarios