Caderno de Verán

Un recoñecemento na terra

As xiras escandinavas desta banda de rock&roll deixan paso á Galiza. Alí son moi coñecidos porque é onde lles sacaron ao mercado o seu segundo traballo discográfico, mais queren empezar a sonar con forza no país
mad martin
photo_camera Imaxe promocional da banda galega

Non para. Hai que ser boa ou bo deportista para seguirlle o ritmo a Mad Martin Trío, que este verán tan complicado é case sinónimo de "bolo", como lle chaman na música aos concertos. Martin Esturao asegura que nin el nin os seus compañeiros Francisco Sierra 'Fran Trilli' e José Miguel Martínez 'Mikelini' son novos neste mundo de subidas e baixadas, mais si que é un ano especial polo número de actuacións que van asinar pola Galiza. 

"Eu levo tocando desde o 85 e, como profesional, desde o 90 e en 2018 fixemos cen bolos" pero en distintos lugares, recorda. Unha das cousas que procura deixar claras o músico, alter ego de Mad Martin, é que está satisfeito porque este ano "os concellos contan coas bandas locais; sempre estiveramos marxinadas".

Nunca tal viviran, cando menos a este nivel, porque o habitual era "tocar bastante máis fóra da Galiza". Xa non fala só do territorio estatal, senón do traspaso de fronteiras internacionais. "Hai tres anos fixemos unha xira de trinta e pico actuacións en Escandinavia", afirma Esturao.

É algo habitual velos por aló porque o selo do seu segundo traballo discográfico (teñen xa tres), que funcionou ben, é do lugar. 

O seu rock & roll, con xiros cara ao rockabilly gusta moito. "Ofrecemos proximidade, un estilo sincero con tres tíos no escenario cunha actitude da que se contaxia á xente", resume. 

Por se a carga de traballo parecía pouca, o líder da banda aproveitou o confinamento "para ler, escoitar música e compor". "Teño catro ou cinco cancións para gravalas coa banda", subliña. Haberá que agardar a que as festas e verbenas  deixen un respiro. 

Tamén traballou en crear temas por encargo e até se atreveu cos "concertos por streaming" desde a tranquilidade da casa. Desta experiencia, que lle resultou "moi interesante", tira a conclusión de que este tipo de eventos chegou para quedar entre o público do mercado musical. Moitas veces é certo que tanto as e os artistas e bandas como a xente botan en falta un contacto máis próximo, pero "isto dáche a posibilidade de chegar a todas partes". Hai tempo para todo.

Comentarios