Deputación da Coruña pide que esculturas de Mestre Mateo en poder dos Franco pasen a dominio público

Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel, que formaron parte do Pórtico da Gloria, están no Pazo de Cornide, na Coruña, propiedade da familia do ditador español. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, demandou na presentación da exposición da obra de Mestre Mateo no Museo do Prado a devolución deste patrimonio.

deputación mestre mateo
photo_camera Goretti Sanmartín na presentación da exposición do Mestre Mateo.

O Pazo de Meirás non é o único patrimonio de Galiza que posúe a familia Franco embora sexa o máis coñecido Mais non é o único. No Pazo de Cornide os Franco posúen dúas pezas feitas no séculos XII e XIII polo Mestre Mateo. Dúas pezas talladas entre 1188 e 1211 por Mateo para que figurasen nesa xoia universal que é o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel. Como chegaron estas obras de arte a poder dos Franco? Descoñécese con exactitude. Sábese que en 1947 o Concello de Santiago merca as dúas pezas ao Conde de Ximonde, Santiago de Puga y Sarmiento, que as tña no seu pazo da Ulla. 60.000 pesetas foi a cantidade que pagou o goberno compostelán polas dúas tallas, tal e como figura no documento de compra. Documento no que tamén se estipulaba que se esas pezas abandonaban a capital de Galiza terían que pagarlle ao vendedor 400.000 pesetas.

As figuras de Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel están en poder dos Franco sen,que se saiba, exista ningún documento que acredite propiedade,  por compra ou cesión

mestre mateoPois ben, as pezas non están en Compostela senón nunha propiedade dos Franco na Coruña, no Pazo de Cornide. Antes estiveron en Meiras, o pazo insignia da familia do ditador. Agora, e co gallo dunha exposición da obra do Mestre Mateo que se vai realizar no Museo do Prado (de novembro a marzo de 2017), esas tallas saíron do inmoble propiedade dos Franco para ser exporsto na mostra canda outras pezas do arquitecto e escultor.

Que sexan do dominio público

Foi precisamente na presentación desta exposición onde se fixo oir e sentir a reclamación para que esas dúas pezas volvan ao dominio público, unha demanda feita por Goretti Sanmartín, vice-presidenta da Deputación da Coruña. “Quero aproveitar a ocasión para chamar a atención sobre a necesidade de que sexan de dominio público as dúas tallas pétreas que na súa orixe formaron parte da Catedral de Santiago e que agora están en poder da familia Franco, sen que, que se saiba, exista ningún documento que acredite propiedade, por compra ou cesión”. Lembrou que a última pegada documental que se conserva sobre a propiedade das esculturas é a compra por parte do Concello de Santiago en 1948 cun contrato no que se contemplaba o mandato de que non podían abandonar nunca a cidade.

“Queremos que está difusión do tesouro mateano que supón a exposición do Museo do Prado contribúa tamén á devolución das imaxes de Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel que formaron parte do Pórtico da Gloria a súa condición de patrimonio público porque nada xustifica que estas dúas esculturas continúen en mans da familia de Francisco Franco”, concluíu.

Breve cronoloxía ( O Sorriso do Daniel)

1188-1211. As dúas pezas tállanse no obradoiro do Mestre Mateo para o conxunto do Pórtico da Gloria.
1933. Fermín Bouza Brey localiza as pezas nun pazo da Ulla propiedade do Conde de Ximonde, D. Santiago de Puga y Sarmiento, e sitúa o seu traslado a este lugar no século XVIII da man de D. Pedro María Cisneros y Castro.
1947. Unha Comisión integrada por D. José Daporta, D. Antonio Asorey e D. Jesús Carro aconsella a compra das dúas pezas por parte do Concello de Santiago de Compostela a quen lle foran ofrecidas polo Conde de Ximonde.
1948. O Concello de Santiago merca as pezas coa condición de que nunca saísen de Santiago de Compostela.
1961. Na exposición El Arte Románico organizado polo goberno español baixo os auspicios do Consello de Europa figuran xa como propiedade de Francisco Franco e  depositadas no Pazo de Meirás.
 

Comentarios