Reclaman á Deputación da Coruña que non subsidie á Peña Taurina como asociación cultural

Entre o 2012 e 2013, a Deputación da Coruña subsidiou con 3.299 euros á peña taurina. O BNG e Galiza Mellor sen Touradas esixen que non se lle concedan máis axudas duns cartos que se lle quitan ás asociacións culturais. 

.
photo_camera .

Para “organizar cursos de informática”. Esa foi a solicitude que a Peña Taurina presentou diante da Deputación da Coruña pola que conseguiu 3.299 euros entre 2012 e 2013 na partida que a entidade provincial destina a asociacións culturais.  O BNG a través da súa deputada provincial, Silvia Seixas dirixirase ao presidente e á vicepresidencia da Deputación co fin de que non se repita a concesión de subvencións. 

A entidade taurina estaba a recibir axudas da mesma partida coa que se apoian as actividades das asociacións culturais o que, para a deputada, “non ten sentido ningún, pois as touradas, un maltrato aos animais evidente, nada teñen a ver coa cultura”. 

A Peña Taurina xustificou a última petición de subvención pública co concepto de realización de “cursos de informática”, polo que recibiu unha maior cantidade de cartos que moitas entidades culturais que están a realizar actividades na provincia. O responsábel de Galiza Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, apoiou a iniciativa e denunciou tamén que se estea a subsidiar á Peña Taurina como unha asociación cultural, para que faga cursos de informática, sinalou con ironía.

Comentarios