Reclaman que a adaptación da directiva europea recoñeza dereitos de propiedade intelectual

A plataforma "Seguir creando en dixital".

Competencia dixital (Europa Press).
photo_camera (Foto: Europa Press).

A plataforma "Seguir creando en dixital" (da que fan parte entidades como a AELG, Asociación de escritores e escritoras en lingua galega) esixe ao Goberno do Estado que a próxima transposición á lexislación española da Directiva europea sobre dereitos de autoría no mercado único dixital recoñeza de forma clara e específica os dereitos de propiedade intelectual e a súa xestión colectiva obrigatoria e irrenunciábel.

"Seguir creando en dixital" destaca a súa preocupación ante a posibilidade de que a transposición non reflicta o dereito lexítimo das autores e autoras a unha negociación colectiva con transparencia sobre as condicións de explotación das súas obras, sobre os usos aos que son sometidas e sobre a remuneración que lles corresponde e á que alude o artigo 15 da Directiva.

Ante esta situación, demándase: unha negociación aberta co Goberno do Estado para garantir a supervivencia destes dereitos, “que son a base dunha cultura diversa e de calidade", a través do mantemento da propiedade intelectual na lexislación existente e a protección do talento creativo “contra as grandes plataformas tecnolóxicas que explotan o contido cultural e obteñen grandes beneficios sen que os e as creadoras sexan axeitadamente remuneradas”.

Demandan tamén “a opción esencial, na transposición dos artigos 15 e 17 da Directiva europea, para a xestión colectiva obrigatoria e irrenunciábel como o único e máis solvente mecanismo para garantir a presenza autoral negada por plataformas, agregadores e propietarios/as das redes sociais máis importantes”.

Tamén a garantía de que os e as creadoras “poderán negociar coas plataformas tecnolóxicas que explotan os contidos para chegar a acordos, nun marco de negociación solidaria, equitativa, non discriminatoria e transparente que garanta que os creadores reciban unha parte adecuada e xusta dos ingresos que xera o modelo de negocio para a explotación de contidos dixitais, tal e como dita a Directiva”.

Comentarios