NO 20 CABODANO DO SEU PASAMENTO

Un recital e un coloquio en torno a María Casares

A Asociación de Actores e actrices lembra mañá quinta feira  a María Casares cun coloquio sobre a súa figura histórica na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña. A semana vindeira, un recital poético.

mariacasares-coloquio
photo_camera Presentación do programa, con representantes da AAAG, do Concello da Coruña, da Deputación e de AGADIC.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organiza unha serie de actividades para lembrar e difundir a figura de María Casares neste 2016, ano no que se conmemora o vixésimo aniversario do seu pasamento e a vixésima edición dos Premios de Teatro que levan o seu nome. A intención da AAAG é dar a coñecer en Galiza a súa traxectoria vital e profesional, contribuíndo así a emendar o descoñecemento e o silencio que arrodea a esta figura sobranceira, unha actriz de enorme prestixio e de gran peso intelectual en Francia. “María Casares é a intérprete galega máis universal, a que máis pegada deixou no teatro internacional e un auténtico símbolo en Francia, país que a acolleu durante o seu exilio”, sinalou Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG na rolda de prensa celebrada esta mañá na Casa Museo Casares Quiroga. 

Rivera, ademais, explicou que a AAAG se sente “en débeda con María Casares” desde 1997, ano no que se celebraron os primeiros Premios de Teatro que levan o seu nome e que están organizados pola propia asociación. “Estamos en débeda con ela e, neste ano no que celebramos a vixésima edición dos galardóns, quixemos asumir a parte que nos corresponde dunha tarefa colectiva: homenaxear e dar a coñecer a María Casares na súa terra”, engadiu Rivera,. 

Coloquio

Logo da celebración dos premios María Casares a semana pasada, as actividades complementarias organizadas pola AAAG centraranse na Casa Museo Casares Quiroga. Deste xeito, mañá quinta feira ás 20.00 horas, terá lugar na Biblioteca do edificio un coloquio ao redor da súa figura desde un plano persoal e histórico. Baixo o título “María Casares. Voces dun retrato”, o encontro reunirá o historiador Emilio Grandío, a xornalista Arancha Estévez -autora da primeira biografía en galego de María Casares- e María Lopo -investigadora que recolleu a correspondencia entre María Casares e Santiago Casares Quiroga en Cartas no exilio-. Os tres analizarán a súa figura desde o plano humano, vital e político. O coloquio estará presentado por Mabel Rivera e será conducido polo xornalista e escritor Alberto Ramos. 
 
Xa a cuarta feira día 13, véspera do aniversario da Proclamación da II República, celebrarase na propia Casa Museo Casares Quiroga un recital baixo o nome “A Poesía de María.” Neste acto, dirixido por Lino Braxe, catro actrices recitarán –con acompañamento musical- unha escolma de poemas que marcaron, dun xeito ou doutro, a María Casares. Os poemas escollidos son algúns dos que máis lle interesaban á actriz, que cada 25 de xullo lía na radio francesa algún poemas para lembrar as súas orixes e a súa terra. Entre a escolma preparada por Braxe, pódense atopar versos de Luís Seoane, Rosalía de Castro, Curros, Lorca, Rafael Alberti, Yeats ou Rimbaud. As actrices que participarán serán Sabela Hermida, Rebeca Montero, Manuela Varela e Amalia Gómez. 

María Casares

O 21 de novembro de 1922. Aquel día, na Coruña, naceu a que sería a actriz galega con maior proxección internacional, María Victoria Casares Pérez, filla de Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de Goberno da II República. O éxito da actriz chegaría lonxe da casa, en Francia, nun exilio do que só volveu en contadísimas ocasións.

En Francia, a onde chegou con trece anos e tan só tres meses despois do inicio da Guerra Civil, Casares principiou a súa formación teatral e estreouse como actriz no afamado teatro  Les Mathurins en 1942. Nese escenario iniciou unha frutífera e recoñecida carreira teatral na que traballou con actores como Jean Marchat, Jean Anouilh ou Georges Vitaly. Foi naquela época, nos anos corenta, cando iniciou tamén a súa selecta traxectoria no cine, debutando na clásica Les Enfants du paradis, de Marcel Carné.  E foi tamén naqueles anos corenta, cando María Casares coñeceu a Albert Camus, iniciando unha longa carreira artística e persoal. 

Deste xeito, María Casares acabaría por consagrarse como actriz de referencia e de enorme recoñecemento ante o público. Ao final da súa vida recibiu grandes premios da súa carreira: o Premio Nacional de Teatro e a Lexión de Honor. Desde Galiza chegoulle o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao e  desde España, a Medalla de Belas Artes.

En 1997, a AAAG bautizou os seus premios de teatro co nome da actriz para recoñecer a súa longa traxectoria e a súa pegada na interpretación internacional. María Casares quixo acudir á primeira gala destes premios, mais o seu falecemento impediullo.
 

Comentarios