O sábado 30 na Pobra do Brollón

Recibir o outono con música tradicional

A Terra de Lemos recibe o outono con música tradicional. E non só. O pop rock de Ses, postos de artesanía e "circo familiar" completan o programa de As cores do outono, na Pobra do Brollón. O sábado, 30 de setembro, este "encontro das artes e música" atinxirá a súa cuarta edición.
 

Radio Cos
photo_camera Radio Cos. Foto: cedida

"É un éxito, a verdade", explica o concelleiro de Cultura Ricardo Rodicio, quen lembra como, nas orixes do certame, se atopaba a necesidade de citar a xente fóra do verán. "Xullo ou agosto estaban saturados de actos, concertos e festivais. Pensamos no outono, porque todo estaba máis despexado", engade.

As cores do outono contará con actividades xa desde primeira hora da tarde. Haberá postos de artesanía. Xurxo Fernandes, de Radio Cos, ofrecerá un obradoiro -master class- de canto e penadeireta. A inscrición é de balde e a esta altura hai máis de 60 persoas anotadas. "É que se trata dun mestre, e a xente responde e apúntase", considera Rodicio. Na pasada edición, foi Xabier Díaz o encargado da docencia.

Ás 19.30, o circo Os Sete Magníficos mais un ofrecerá un espectáculo "familiar". E dúas horas máis tarde, na área recreativa dos Samugueiros, comezarán os pratos fortes, introducidos pola actriz Isabel Risco. As cantareiras Tanxugueiras abrirán unha noite pola que despois pasarán Radio Cos -que chaman ao baile e á verbena co seu segundo disco, Pasatempo- e SES. Opoñerse á extinción (2016) é o nome do seu cuarto traballo discográfico, co que continúa enchendo torreiros e salas de concertos.

Comentarios