Cultura

'República 2.0', nova abordaxe ska de Liska!

A banda viguesa presenta o seu terceiro disco
O grupo Liska!
photo_camera O grupo Liska!

Liska! lanza aos océanos musicais República 2.0, un EP de cinco faixas cargadas de enerxía e compromiso nas que "labregas do mar" levan o protagonismo. O ska punk da banda de Vigo arriba de novo a porto con este álbum que se integra dentro da denominada como serie das Repúblicas, iniciada no ano 2017 coa edición de República 1.0. Esta segunda entrega constitúe ademais o terceiro traballo discográfico da formación, que xa se atopa dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, ademais de en formato físico como digipack.

Os temas recollidos no EP poñen, como ben ilustra a portada -unha desas "mariscadoras batendo corazón de sal"-, o mundo e o traballo mariñeiro no foco, atendendo tamén a outras problemáticas como a emigración, especialmente presente en "Tam perto". Así, a banda parece responder ao berro de Xurxo Souto, "Medre o mar... das mulleres do mar!", facendo especial referencia á presenza feminina na cultura mariñeira.

Igualmente, a reafirmación da galeguidade faise patente nunha letras de loita que xa son selo de identidade da banda, co “monolingüismo” e a denuncia social capitaneando a narración, segundo elas propias afirman. Do sentir proletario que corea "cantemos un alba de gloria", o silencio crébao a vontade "rebelde e combativa que sempre loita contra a súa mentira".

Explorar outras sonoridades

As sonoridades alegres e bailábeis dos ventos, cos ritmos desenfreados do ska-punk, xeran ondas expansivas que enchen esa "sede de terra / historia viva dun futuro en rebelión”. Mais neste EP, gravado e masterizado nos estudios vigueses Estereoarte, a banda experimenta tamén novas musicalidades que se achegan ao latino, mesturando ritmos cubanos. Así, o inicio de "Tam perto" trasládanos con cálidas reminiscencias ao outro lado do charco, mais sen perder de vista a base identitaria que latexa no proxecto, sempre cunha mensaxe de insubmisión: "De noite escura o camiñar / de puño erguido o seu cantar / como esa estrela que non deixa de brillar", entoan.

Aliás, Liska! está a preparar a saída do videoclip de "Labregas do mar", que estará dispoñíbel o próximo sábado 9 de maio na súa canle de Youtube.

Comentarios