Roberto C. Pérez é luthier e acaba de volver reabrir o obradoiro

O Reberete: "Síntome moi apoiado polos mecenas e tamén responsábel para devolver toda esa enerxía"

No mes de xuño viviu o incendio do seu obradoiro. De seguido, entre a xente do mundo da música organizouse unha campaña de mecenado con achegas solidarias desde diversos campos da arte para que Reberete puidese volver montar o seu taller. Seis meses despois o local temporal está en marcha coa maquinaria precisa para afrontar o choio. 
oreberete
photo_camera O Reberete no seu local provisional. (Foto: Nós Diario)

Como toma a decisión de facer un Verkami para poder remontar o negocio?

Ardeume o obradoiro e as 24 horas seguintes foron de shock e de non saber que facer, por onde tirar. Xunteime coas miñas amizades e xurdiu a opción de facer un mecenado para saír do buraco no que estaba metido. En todo momento procurei orientalo ben, pensar cal debía ser a cantidade mínima para poder arrancar e consideramos os 40.000 euros, pero finalmente logramos 45.000.

Unha cantidade que me chegou para mercar a ferramenta mínima e a madeira para poder retomar a actividade. O local aínda non o teño, pero iso será pouco a pouco, porque agora mesmo estou nun espazo que me cedeu o concello de Cea para estar durante un ano. Teño local, teño maquinaria e teño madeira... Podo empezar!

Que tal se desenvolveu a campaña e como o fixo sentirse o resultado?

A xente colleu moitos bonos para trocar por cursos, por pandeiretas, por tambores, por gaitas... Foi a recompensa á que máis se recorreu, aínda que tamén as había que eran directamente para crear unha pandeireta ou unha gaita. Houbo obradoiros, e xa se impartiron todos durante o verán; tamén houbo quen ofreceu libros, como Carlos da Aira, ou César, da Orquestra Pantasma, que fixo uns brinquedos; outra xente ofreceu discos...

Toda aquela persoa que me puido achegar algo deumo, mesmo teño un amigo peiteador que ofreceu bonos para trocar por un tratamento ou por un corte de pelo. Síntome moi apoiado por toda a xente que colaborou e tamén moi responsábel para devolver esta enerxía que me deron a min, toda esa forza agora tamén debo correspondela. Teño que tirar para adiante e por iso estou tan enérxico e tan activo, porque vexo que isto ten que saír para adiante, que está nas miñas mans.

Teño que entregar esas recompensas e iso tamén me dá enerxía para seguir.

E xa ten aberto o taller?

Aberto está, porque o obradoiro está aberto cando eu estou nel e estou das 10 da mañá ás 11 da noite. Xa recibín xente que pasou para recoller algunha encomenda ou facer encargas e, a verdade, estou activo desde que rematou o tema do mecenado, alí estou, na nave, dándolle caña ao asunto.

Que sensación ten neste intre de cara ao  futuro?  

Teño un pouco de incerteza porque está a cousa realmente parada, falo coa xente deste gremio e, a verdade é que, en comparación con outros anos, baixou 90% o que son os pedidos. O que pasa é que, agora mesmo, estou nun proceso inverso porque teño moitísimo traballo para facer, a maioría centrado nas recompensas a raíz do Verkami, entón choio por diante teño.

Pero tamén noto ese outro sentimento de dicir “a ver se vou volver montar o taller e non vou ter traballo". Pero tamén coido que sairemos desta e volverá haber aulas, foliadas... E a xente volverá encargar cousas. De momento, todas as persoas que participaron no mecenado xa están na web de oreberete.com; todas aquelas que mercaron cursos xa os recibiron e agora estou a facer pandeiretas e algún colgante, chaveiros que fixen con cousas que resistiron o lume, como ferreñas de metal ou de buxo.

Agora con tirar para adiante, montar o taller e facer as encomendas todas xa teño traballo até abril ou maio. E aínda queda xente que ofreceu facer un festival benéfico para apoiar a causa, e iso é algo que quedou pendente, porque até o de agora, con todas as medidas restritivas e a situación sanitaria, non se puido facer. 

Comentarios