A rebeldía da arte en chave galega e feminista

Ana, Pilar, Bego, Lidia, Alexandra, Margot, Raquel, Encarnación... son 44 nomes, todos eles de muller, os que conforman o cartel de Gaia II, unha exposición colectiva que pode visitarse na sede do Colexio Oficial de Médicos da Coruña. Pintura, xoiaría, escultura, fotografía, moda ou cerámica son só algunhas das múltiples disciplinas representadas na mostra Gaia II que, como apunta a súa comisaria, María Carajaville, nace coa intención de reivindicar que a nivel artístico as mulleres están "polo menos, á par dos homes".
A pintora Chelo Facal empregou un exemplar de Nós Diario para a súa obra
photo_camera A pintora Chelo Facal empregou un exemplar de Nós Diario para a súa obra (Foto: Nós Diario).

Unha exposición só de mulleres continúa, ben entrado o 2020, a levantar polémica entre certos sectores que non recoñecen a existencia das barreiras de xénero. Mais, igual que acontece coa gravidade ou co osíxeno que respiramos, que se omitan ou directamente se negue a súa existencia non quere dicir que non existan.

Un estudo da publicación estadounidense ARTnews poñía cifras á tradicional discriminación que padece a muller no mundo da arte. Así, desvelaban que en Londres, unha das tres grandes capitais artísticas a nivel mundial, de 134 galerías comerciais, que agrupaban 3.163 artistas, só 31% do total eran mulleres, e en unicamente 5% desas galerías había o mesmo número de obras de artistas masculinos e femininas.

En Nova Iorque a situación non era moito mellor, xa que no arquicoñecido Museum of Modern Art (MoMa), a porcentaxe repre-sentada por mulleres artistas no conxunto de pezas que alí se exhiben representa 7% do total.

A que se debe, entón, esta fenda de xénero no mundo da arte, que se traduce tamén na práctica ausencia das mulleres no listado das obras máis caras vendidas anualmente? Tendo en conta, ademais, que nas escolas e facul-tades de Belas Artes as mulleres son maioría indiscutíbel.

Algunhas persoas, como Georg Baselitz, un dos artistas contemporáneos máis importantes de centroeuropa, adúceno á que as mulleres "non pintan moi ben", e consideran que a súa "falta de éxito" non ten que ver "coa ausencia de educación, de oportunidades ou a que os propietarios das galerías sexan homes", senón a "algo máis" que non especifica.

Non obstante, outras, libres da carga misóxina de quen se fixo famoso por pintar penes enormes nos anos 60, prefiren rebelarse contra esa situación, e armadas coa sororidade e o afán de empoderamento, promoven iniciativas como Gaia II, unha exposición temporal conformada unicamente por mulleres que está a ter lugar na Coruña.

Multidisciplinariedade como bandeira

Gaia II é a continuación dunha mostra que tivo a súa edición inaugural no pasado ano 2019, e que se desenvolverá até o vindeiro día 14 de marzo na sede do Colexio Oficial de Médicos e Farmacéuticos, na coruñesa rúa Rego da Auga.

A exposición, que abre as súas portas de segunda a sexta feira -de 12 a 14 horas en horario de mañá e de 17 a 20 horas pola tarde- e os sábados de 12 a 14 horas, pode visitarse de forma totalmente gratuíta.

Comisariada pola galega María Carajaville, Gaia II reúne no primeiro andar do histórico edificio no que está ubicada -en ple-no centro da cidade herculina-, obras de 44 artistas distintas, "40 das cales elaboraron pezas ex profeso para expor aquí", confesa Carajaville para Nós Diario.

Fotografía, pintura, escultura, xoiaría ou deseño de moda son só algunhas das disciplinas que están representadas nunha mostra que, como sinala a propia María Carajaville, "ten a Galiza como fío condutor, pois todas as artistas son galegas ou teñen vinculación con Galiza".

Para ela, o obxectivo desta exposición é "visibilizar as mulleres, xa sexan con nome ou consagradas neste mundiño, ou rapazas máis novas que son talentos emerxentes. Ou incluso tamén temos algunhas que xa teñen unha certa idade, pero que non son recoñecidas a pesar do seu grande talento".

Sabedora "como a que máis" dos "obstáculos e problemas" que existen no mundo da arte só por ser muller, recoñece que Gaia II lle permitiu estabelecer amizade cunha serie de artistas que partillaron con ela "esas trabas que atopan no seu día a día, e que as limitan á hora de traballar ou mostrar a súa obra" nunha contorna na que "a maioría dos protagonistas nas exposicións colectivas seguen sendo homes".

Móstrase "satisfeita" co recoñecemento -ou feedback, como diría un moderno-, que está a obter por parte do público que se anima a visitar a exposición no Colexio Oficial de Médicos e Farmacéuticos da Coruña e, cuestionada polo aspecto que máis resaltaría da mostra que comisaría, responde sen dubidalo un intre que é "a ilusión".

Sobre os estilos das artistas alí representadas, Carajaville destaca as súas "especifidades", e salienta que "detrás de cada obra hai un berro de muller", resaltando especialmente o da ourive Chus Iglesias Prado, da que Gaia II acolle un "colgante de acivro que causa sensación entre as visitantes".

"Para facer o colgante só necesitei usar catro culleres de prata de lei"

Chus Iglesias Prado dirixe desde hai tres anos Acivro Xoias, situada na compostelá rúa da Troia, onde ademais da arte da ourivaría desenvolve escaparates temáticos dedicados ao mundo da política, a cultura ou o deporte, como se pode ver na imaxe sobre estas liñas, homenaxe á futbolista Vero Boquete.

—Como concibiu unha xoia como o colgante de acivro?

Do xeito máis natural. A miña xoiaría chámase Acivro Xoias porque teño unha filla de 21 anos, e cando naceu plantei un acivro. É unha árbore moi ligada a min porque foron medrando xuntas, e ademais tamén me gusta porque é unha palabra galega que se escribe –vro, con v, e é correcto, o que supón unha singularidade. Partindo desa base, quería facer algo distinto, e un día collín unha culler de sobremesa que tiña pola casa e aflorou a idea, e de aí sairía un pequeno brazalete.

—Ese brazalete foi o prototipo do colgante que exhibe en Gaia?

Si, o xermolo. A partir dese momento pensaba en como facer algo impactante con culleres, e con catro sopeiras e dúas de sobremesa fixen esta xoia.

—Que materiais empregou?

Só prata, culleres de prata de lei, concretamente, tamén coa intención de reciclar e contribuír a salvar o planeta. E a elaboración foi totalmente artesanal, pois non empreguei ningún método mecánico. Para estirar as culleres usei só o calor do soprete, e logo un martelo e unha bigorna para estiralas, nada máis. Cheguei a alternar catro martelos di-ferentes, o principal 1.839 gramos, co que din máis de 3.000 materladas para ir es-tirando pouco a pouco e logo darlle a forma do acivro co propio martelo, co obxectivo de desenvolver unha xoia nova, algo orgánico a partir dun concepto xa existente como é o acivro.

Comentarios