Realidade, mito e tradición arredor dos morcegos

O mamífero alado foi o colector de varios virus, moitos deles mortais, que causaron enfermidades en humanos e brotes en diferentes partes do mundo. Crese que os morcegos son o hóspede natural do ébola, da rabia, do SARS e do MERS, estes dous últimos moi semellantes ao coronavirus que causa a COVID-19. O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén percorre os significados deste voador na cultura popular.
morcegos debuxo felipes enén
photo_camera (Felipe Senén)

O nome de morcego está composto da palabra latina “mur” que significa rato, e “cego” que xa confirma todo: rato cego. Ave mamífera, gris escura, de corpo veludo, cara asexante apuntada por orellas atentas, brazos alados, con fina e sedosa membrana artillada en tres partes, con mans e patiñas de cinco dedos... de voar baixo, a bandazos, en zigzag, a voar atoutiñando entre as tebras, na noite, nas covas, nos pardiñeiros, torres, templos sepulturas e lugares de abandono... ceibando agudos e penetrante chíos, ultrasóns.

Non entraremos aquí nos tipos de quirópteros morcegos, que haber hainos, até clasificadas 200 especies coas súas variacións de tamaño, físicas e costumes, vampiros, da India, de Exipto, de Filipinas, de Kitti, sendo a China o país que ofrece máis variedades... e mesmo os afeccionados ao tema crearon unha morcegopedia. Quedamos aquí co noso morcego común, tamén coas súas diferencias, arredor do que se creou unha activa Asociación de Morcegos da Galiza.

Na Galiza cravábanse vivos, estendendo as súas ás sobre as traseiras das portas, como protección contra os demos dos animais

Estraño animaliño voador dos lugares con misterio, sobre o que o mundo e as crenzas populares seguen a tecer prexuízos: criatura considerada sinistra, asociada cos espíritos, cos sinais e compañas do trasmundo, as que tamén se moven na noite, mentres outros dormen. Propicio pois aos ritos de nigromancia, á maxia e aos ritos das meigas, co vampirismo zugador de sangue, que durmindo coa luz do día esperta na noite dos seus cadaleitos para morder e contaxiar.

Ave negra, tamén de mala fama na zoonose, isto é, a transmisión ou mutación xenéticas dos virus a través dos animais, dando lugar a diferentes xenotipos dentro da viroloxía causante de enfermidades con diferente incidencia e potencia por idade, sexo...

Morcegos asociados á transmisión da rabia, do ébola, do SARS-COV. E nestes días sospeitoso da transmisión do andazo do virulento do novo coronavirus a través do traspaso e a mutación a outro animal. Virus identificado por primeira vez no mercado de especies raras e mariscos da sorprendente cidade china de Wuhan, urbe que combina ancestrais tradicións coas máis sorprendentes tecnoloxías, entre as primeiras o costume dun negocio en mercados sucios e húmidos, sen ningún tipo de seguridade hixiénica de animais exóticos para o consumo alimenticio. Onde se sospeita a orixe desta peste e que ademais reporta tantas incertezas campantes, que pon no brete a sociedade, a cultura, a política e a economía.

Virus en proliferación de progresión xeométrica que se expande polo mapamundi e sorprende a ciencia pola súa capacidade de resistencia e difusión. Ameaza global á vida sobre o planeta, que cuestiona costumes e o actual modelo de sociedade: a sanidade, a hixiene, as relacións, entón tamén a cultura e políticas baseadas unicamente no mercado. Entran no debate novos relatos e propostas de futuro, que boa falla facían tamén.

Símbolo da luz e das verdades fronte ao escurantismo

O morcego segue a ser vello emblema armeiro de brasóns, como o de Valencia, de Mallorca e do barcelonés Consell de Cent, fundacións de Jaime I, monarca moi metido nas crenzas dos seus inimigos islámicos, os que vían no morcego un agoiro celeste de aviso e vitoria fronte a tramas escuras, fronte á cegueira da nocturnidade, como símbolo da luz das verdades. Para Vítor Hugo, gran coñecedor do mundo popular, o morcego significa o ateísmo, o fracaso do espírito, como anxo caído.

Para os labregos son intelixentes aliados, inofensivos, insecticidas biolóxicos, axentes do control medioambiental e exterminadores de pragas

Para os gregos antigos esta ave do mundo subterráneo, da escuridade, da incerteza mesmo era venerada e temida, asociada cos trasnoitadores: Homero identifícaas con monstros alados. Na mesma Odisea a alma dos defuntos voando no Hades represéntase como os morcegos, aspectos que retoma o poeta latino Virxilio... algo así acontecía cos maias de Centroamérica. Pola contra, na China o morcego é símbolo de boa sorte, de felicidade, interprétase a súa hibernación como a eternidade, asociados coa saúde, coa virtude, co amor, coa fortuna e coa lonxevidade. En xeral considerábase os morcegos de cor avermellada como escorrentadores das tentacións demoníacas.

Observaban os antigos, e tíñase moi presente nos bestiarios medievais, a maneira de pasar o día dos morcegos, colgando do teito nos lugares escuros e silenciosos, suxeitos dos pés os uns aos outros, boca abaixo, recollendo o corpo nas súas mesmas alas, como unha bolsa, formando así grupos de acios. Comportamentos tomados polos humanos como de sociedade e de amor.

Morcego que no seu voo nocturno non tropeza, que en todas as culturas terá a súa mitoloxía e simboloxía-zoolóxica, de significados ambivalentes, negativos e mesmo tamén positivos, sábeno ben os labregos, que mesmo os ven como intelixentes aliados, inofensivos, insecticidas biolóxicos, axentes do control medioambiental, exterminadores de pragas, de eirugas, mosquitos e outros insectos da noite. Símbolo de vixilancia, de axexo, perspicaz na escuridade. Entendíase que se un morcego pasa á beira de alguén, era como munición de que alguén trama un engano. E se un morcego entra na casa, interpretaríase como ruín agoiro, a súa desgracia.

Modas e tradicións galegas arredor dos morcegos

Morcego presente nas tradicións ocultistas e alquímicas, as que se basean na súa natureza híbrida de rata-paxaro, como se se tratase dunha mestura de dragón ou demo alado. Animal pois de significación ambigua, contraditoria nalgunhas culturas. Ave moi na observación dos exóticos, excéntricos, teósofos e inadaptados dandis do Decandentismo romántico, aqueles que mesmo se embozaban en capa e apoiaban en nobre caxato, cun camiñar transversal, mesmo inspirado na nocturnidade dos morcegos. Animais que semellan evadirse voando deste mundo para furar nos misterios das tebras. Autoproclamados “inadaptados”, seducidos polo encanto vampírico da taumaturxia para inspirar movementos de tradición gótica, os mesmos que renacen na contemporaneidade. Entre estas figuras que tanto atraían e inspiraban a don Vicente Risco, tamén metido en teosofías e bestiarios estraños, está en Huysmans e no parisino dandi señor Marques, Robert de Montesquiou, un referente dentro dese mundo da elegancia nocturna.

En moitos lugares, mesmo na Galiza cravábanse vivos, estendendo as súas ás sobre as traseiras das portas, fundamentalmente dos cortellos, actuando como protección contra os demos dos animais e das propiedades. Secábase e utilizábase o seu sangue, a pel e os osiños para remedios de bruxaría, tamén como afrodisíaco, e a iso mesmo fai mención o romano Plinio o Vello. Ave escolleita polos antigos para auspiciar, adiviñar a través do voo, xa que voar representa a liberación, a ascese desde os lastres terreais cara aos deuses. Aves que entre ese conflito escuridade-luz, actúan como mensaxeiras de poderes superiores ou inferiores, para o ben ou para o mal.

Morcego do que se extraían remedios aplicados contra a mordedura das serpes, contra a ictericia, como contra as penas e os males de amor... O morcego está moi presente en ritos de tradición celta e xermana. Semellantes aos practicados na Galiza, onde os curandeiros ou curandeiras pasábano vivo polo corpo dos enfermos coa ansia de curarse. Entre os nenos rurais era perseguido para os seus xogos, obrigándoselles a fumar, a inchalos de fume.

Mesmo na arte aos anxos caídos, como o orgulloso Luzbel, represéntanse como paxaros frustrados, Lucifer (luz da fondura) Satán. Anxos condenado desde a luz dos ceos ás tebras dos infernos. Demos que se representaran con ás de morcego, articuladas, onduladas e grises. Tamén a envexa, como efecto de espíritos maléficos, que non se manifesta á luz e actúa ás agachadas e entre os buracos, representarase como unha exhalación ou desbandada de morcegos. Animaliños imprescindíbeis entre o contexto das meigas, nos aquelarres e así os atopamos nos influentes debuxos negros de Goya. E sempre nese debate entre o ben e o mal, a luz e a escuridade.

Comentarios