CULTURA

A Real Filharmonía conxuga Shakespeare cos monicreques

A Real Filharmonía da Galiza (RFG) representa esta semana Romeo e Xulieta, de Shakespeare, nunha serie de concertos baixo a batuta do mestre Maximino Zumalavee co acompañamento da música de Serguéi Prokófiev e os monicreques da compañía catalá Per Poc.

romeo e xulieta_rfg
photo_camera Os bonecos acadan os catro metros de altura. (Foto: Consorcio de Santiago)

A Real Filharmonía da Galiza (RFG) representa esta semana Romeo e Xulieta, de Shakespeare, nunha serie de concertos baixo a batuta do mestre Maximino Zumalavee co acompañamento da música de Serguéi Prokófiev e os monicreques da compañía catalá Per Poc.

As dúas primeiras actuacións desenvolveranse ás 11 horas mañá día 16 -quinta feira- e o 17 de xaneiro -sexta-, mentres que a terceira e última representacón terá lugar o sábado, día 18, ás 18.30 horas da tarde. Este último concerto ten como obxectivo visibilizar o traballo de Agadea -Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer-, no marco do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. 

Neste caso as entradas custan 5 euros, cun bono familiar de 15 euros que ofrece catro entradas polo prezo de tres, sempre que sexan adquiridas no despacho de boletos do Teatro Principal ou do Auditorio de Galiza. Pola súa banda, as primeiras dúas funcións están dirixidas a escolares.

Unha proposta "moi visual"

“Cada historia ten o seu monicreque” din desde a compañía Per Poc e, por iso, traballaron oito anos para crear este espectáculo.  Segundo explican, buscaban uns bonecos "capaces de loitar con forza, bailar con graza, amar, angustiarse, matar e morrer”, por iso usan uns monicreques xigantescos -de entre dous e catro metros de altura- e lixeiros, "cuxas texturas e cores prevalecen sobre a expresión facial".

Para complementar o espectáculo, elaborouse unha adaptación do texto de Shakespeare, que será narrado pola actriz galega Marta Lado.

Comentarios