A Real Academia recibe as fillas de Gurriarán na súa sede

Convidadas pola Real Acadamia Galega (RAG), Maruxa, Celia e Carmiña Delgado Teixeiro, fillas de Florencio Delgado Gurriarán, visitaron a súa sede na Coruña.
As fillas de Florencio Delgado Gurriarán visitando a RAG (Foto: RAG).
photo_camera As fillas de Florencio Delgado Gurriarán visitando a Academia. (Foto: RAG)

Maruxa, Celia e Carmiña Delgado Teixeiro, fillas de Florencio Delgado Gurriarán, visitaron onte ao mediodía a sede da Real Academia Galega (RAG). O presidente Víctor F. Freixanes convidounas a coñeceren as instalacións da institución que dedicou o Día das Letras Galegas 2022 ao seu pai, nomeado académico correspondente no ano 1981.

O presidente da RAG agradeceulles a súa viaxe desde México e os Estados Unidos de América, onde residen, para participaren no pleno extraordinario da Academia realizado este ano en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a localidade natal do poeta e activista cultural. 

"As Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán", apuntou Freixanes, "están a contar coa complicidade entusiasta da veciñanza de Valdeorras e continuará con novas iniciativas ao longo do ano, tanto por parte da Academia como por asociacións e institucións". 

Agradecemento das fillas de Florencio Gurriarán

As fillas de Florencio manifestaron o seu agradecemento á RAG e ao conxunto da sociedade galega pola homenaxe ao seu pai, unha gratitude da que deixaron constancia no libro de ouro da institución.

"Este momento vai quedar para sempre no noso corazón. Encantoume toda esta resposta amorosa da xente de toda a Galiza, desde o plano académico até o dos artistas e os veciños de Córgomo", salientou Celia, a maior das tres fillas, que engadiu que "comprobar que o noso pai é unha persoa querida e admirada e como a súa figura se transmitiu a través das xeracións".

Outra das fillas, Maruxa, asegurou que estaban "sorprendidas da magnitude da resposta, tan cálida, da súa Galicia infinda".

Carmiña, a benxamina, rematou considerando que "é un grande orgullo ver tanto cariño cara a el".

Comentarios