Letras Galegas

A Real Academia Galega anuncia o Simposio Carvalho Calero

Unha ducia de voces expertas debullan o mestre ferrolán durante o mes de outubro. As conferencias poderán verse a través da rede, igual que o pleno do Día das Letras, trasladado a este mes por mor do confinamento.
Carvalho Calero
photo_camera Carvalho Calero

A Real Academia Galega retomará en outubro a celebración das Letras Galegas de Ricardo Carvalho Calero. Ao longo de todo o mes, a sede da institución na Coruña acollerá o Simposio Carvalho Calero, que arrincará a quinta feira 8 de outubro ás 19 horas cunha sesión dedicada ao autor no seu tempo.

Será a primeira de catro xornadas que contará cunha ducia de voces expertas como convidadas. O programa continuará 15, 22 e 29 de outubro. O público poderá asistir ao simposio previa inscrición en cada unha das sesións. Todas as intervencións serán emitidas en directo a través da web.

Tamén poderá verse mediante a rede o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar na cidade natal do homenaxeado, Ferrol, o sábado 31 de outubro, cadrando co seu 110 aniversario.

Nun contexto que segue a estar marcado pola pandemia, a institución reforzará a divulgación do legado de Carvalho Calero coa emisión a través de internet da programación especial que lle dedica.

O Simposio Ricardo Carvalho Calero comezará a segunda quinta feira do mes de outubro cunha mesa dedicada ao autor no seu tempo moderada polo académico Ramón Villares. O catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Justo Beramendi situará a súa figura no nacionalismo galego de anteguerra.

A profesora de filoloxía da mesma institución e autora de Conversas con Carvalho Calero, Carmen Blanco, percorrerá os anos da resistencia, desde a guerra á posguerra; e o profesor de lingua e literatura galega da universidade de Vigo José-Martinho Montero Santalha abordará o período final, de 1980 até o pasamento do homenaxeado en 1990.

O eixe da seguinte xornada, que se desenvolverá o 15 de outubro, serán os estudos sobre literatura de Carvalho Calero, autor da Historia da literatura galega contemporánea (1963), con Marilar Aleixandre moderando unha mesa con Dolores Vilavedra, Alberte Valverde e María Pilar García Negro.

Comentarios