CULTURA

A Real Academia Galega abre na súa web o ano de Ricardo Carvalho Calero

O portal da RAG dedica unha sección a lembrar o homenaxeado con novas, reportaxes, entrevistas e artigos arredor do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, que se publicarán ao longo dos vindeiros meses. 
Ricardo Carvalho Calero, retratado na madurez polo obxectivo de Moncho Rama.
photo_camera Ricardo Carvalho Calero, retratado na madurez polo obxectivo de Moncho Rama. (Foto: Moncho Rama).

O vindeiro 17 de maio a Real Academia Galega (RAG) celebra o Día das Letras Galegas que lle dedicará a Ricardo Carvalho Calero en Ferrol, a cidade onde naceu, mais o ano dedicado á súa figura e ao seu legado xa botou a andar na web da institución. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriuno cunha tribuna dedicada a quen é “un dos intelectuais máis sobranceiros da Galiza contemporánea”. 

O académico de número e secretario da institución, Henrique Monteagudo, asina a sección dedicada na web da RAG a “unha das personalidades máis importantes da cultura galega do século XX”. “Éo en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego, así como pola súa defensa e ilustración da lingua galega, que son móbiles centrais da ideoloxía, da obra e do compromiso público do autor”, resume o biógrafo.

A sección dedicada a Ricardo Carvalho Calero completarase con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se publicarán ao longo dos vindeiros meses no portal da RAG arredor do protagonista. 

Unha ‘Primavera das Letras’ para don Ricardo

Tamén na rede, a Academia activará no mes de febreiro a nova edición do proxecto Primavera das Letras, con contidos lúdicos e didácticos para achegar a súa personalidade ao alumnado de infantil e primaria.

A celebración do Ano Carvalho Calero continuará á volta do verán cun simposio que permitirá afondar desde a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que lle tocou vivir. 

A comisión executiva da Real Academia Galega conversou sobre estas e outras iniciativas previstas ao longo de 2020 para divulgar o legado do homenaxeado coa súa filla, María Victoria Carvalho Calero, nunha xuntanza mantida a pasada sexta na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.

Unha obra "ampla, diversa e rica"

A traxectoria vital de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910–Santiago de Compostela, 1990) está fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. 

“A súa lealdade ao galeguismo, o seu amor pola liberdade, a inspiración dos mestres e o apoio dos seus compañeiros de xeración permitíronlle resistir e avanzar superando atrancos de todo tipo, e a contracorrente dun ambiente político, cultural e social opresivo e miserento", retrata Henrique Monteagudo.

O secretario da Real Academia Galega engade que "a enerxía da súa paixón polo estudo, a potencia do seu estro creativo e unha entrega incondicional e sacrificada ás tarefas que asumiu permitíronlle desenvolver unha ampla e densa, ao tempo que diversa e rica, obra académica, literaria, didáctica e divulgativa”.

Na súa extensa produción destacan os seus estudos e achegas á literatura, entre os que sobresae o "ambicioso esforzo de sistematización das nosas letras" plasmado na  Historia da literatura galega contemporánea.

Comentarios