As razóns do PP para non apoiar o recoñecemento a un dos máis importantes músicos galegos

Que Miro Casabella é un dos grandes nomes da música galega contemporánea ninguén o pon en dúbida, nin no Valadouro -o seu lugar de nacemento- nin no país enteiro. O PP negouse a apoiar no Concello a proposición do músico como fillo predilecto alegando o “contido antifranquista” das súas cancións. 

Miro Casabella
photo_camera Miro Casabella

No Valadouro non dan entendido que o PP local vetase a proposta de nomear fillo predilecto ao músico Miro Casabella, natural da localidade. A proposta da Unión Independente do Valadouro a iniciativa chegou ao pleno, da mesma maneira que acontecera con outras personalidades da localidade como o dramaturgo Manuel Lourenzo, que dá mesmo o nome a un centro cultural do Concello. A iniciativa da Unión Independente do Valadouro contaba co apoio de PSOE, compañeiros de goberno, mais BNG -fora da xestión mais que apoiou a moción contra o PP-, porén precisaba dos votos do PP para acadar a maioría cualificada que se precisa para que prospere. 

A abstención do PP botou abaixo a iniciativa con dous argumentos, o primeiro deles que Miro Casabella non colaborara con actuacións algunha vez que fora chamado polo Concello e a segunda porque a súa traxectoria musical “se limitaba basicamente a cancións de contidos antifranquistas”. 

A última actuación de Miro Casabella no Valadouro desenvolveuse nunha convocatoria de Queremos Galego na que o músico acudiu ao seu concello, como o pasado ano asistiu a un concerto en Foz, concello co que garda vinculacións familiares, promovido polo propio concello. Desde a oposición argumentan, pola contra, que o PP non contara con Miro Casabella no longo tempo no que rexiu a entidade municipal como merecía. Como proba, poñen a colaboración xenerosa con Asociacións e entidades no Valadouro, Foz ou Burela. 

A vinganza do novo PP

O PP gobernou durante máis de vintecinco anos no Valadouro, con Fernández Sampaio como alcalde. Unha moción de Unión Independente do Valadouro xunto co PSOE e co apoio do BNG que non entrou no goberno- botou fóra o alcalde José Manuel Lamela, que accedera recentemente a un cargo ocupado historicamente por Fernández Sampaio, unha mudanza que se correspondía cos novos tempos do PP. De feito, nalgúns ámbitos coméntase que mesmo desde a anterior cúpula do PP consideran lamentábel que o agora líder local teña negado o apoio a unha das personalidades do Concello. Desde a oposición valoraron que a abstención é tamén unha “vinganza” pola moción de censura que lle quitou o goberno ao PP. 

O escultor Caxigueiro, natural do veciño concello de Mondoñedo, valora nun artigo que hoxe publicamos a figura de Miro Casabella e a postura do PP de vetar o seu nomeamento como fillo predilecto. 

Comentarios