mércores 14/04/21
'Triloxía utópica cuarentenaica' e 'Teatro de fume' son as gañadoras

As rapazas copan o podio dos Premios Minerva que organiza o centro Peleteiro

O xurado dos Premios Minerva fai públicos os nomes e as obras gañadoras do concurso de narrativa e poesía organizado polo Colexio M. Peleteiro de Compostela.
reunionminerva
Imaxe dunha das mesas de deliveración dos Premios Minerva. (Foto: Nós Diario)

O xurado dos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio Manuel Peleteiro, reuniuse na tarde da quinta feira para ditar o fallo da súa edición XLIX.

Sobre os traballos que concorreron neste 2021 o tribunal quixo destacar a “calidade das obras poéticas e dos relatos, que semella garantir o futuro das nosas letras”. Unha literatura á que o certame tenta contribuír fomentando o uso da lingua no ámbito educativo e entre a mocidade.

O concurso estivo aberto a alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e FP que presentara os seus textos en galego, orixinais e inéditos antes do 29 de xaneiro. Unha vez desveladas as gañadoras, pois todas foron rapazas, o xurado desexou que “moitas destas mozas sexan recoñecidas nun futuro próximo no panorama literario galego, sumándose á relación de autores e autoras que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva”.

Algúns destes autores foron, segundo recordaban, Darío Xohán Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Xosé Antón Neira Cruz, Berta Dávila ou Olga Novo.

A entrega de premios vai ter lugar o vindeiro 14 de abril, nun acto que decorrerá no propio colexio Peleteiro. No evento as gañadoras lerán unha parte da súa obra como adianto da publicación que editará ao centro.

A nómina das vencedoras

Os Premios Minerva repártense entre a categoría de narrativa, que contou con  28 traballos finalistas; e a de poesía, na que as obras finalistas foron 15.  

No terreo narrativo a vencedora foi Carmen González, do IES Fraga do Eume de Pontedeume, polo relato Teatro de fume; o segundo premio foi parar ás mans de Noelia Fernández, do IES Félix Mureil de Rianxo, por Quen vive no 4ºB?; e o terceiro galardón recibiuno Mariña Maceiras, do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, co texto titulado Verde esperanza.

Na poesía, a gañadora foi Iria Pérez, do IES Plurilingüe de Ames, que presentou o traballo Triloxía utópica cuarentenaica; seguiuna Paula Tubío do IES Félix Muriel de Rianxo, con Historias inéditas; e o terceiro premio quedou nas mans de Candela Martínez, do IES Lamas de Abade de Compostela, coa obra Chuvia de Luz.

Todos os premios concedidos teñen ademais dotación económica, de 600 euros para as alumnas vencedoras en cada categoría, 400 e 250 no caso das autoras das obras que quedaron en segunda e terceira posición. Ademais, tanto en narrativa como en poesía, concedéronse tamén tres accésits.

comentarios