Só unha das catro estudantes con máis nota na ABAU estudará letras

A rapazada con mellores notas da Galiza aposta na ciencia

As e os alumnos Raúl Ríos (Ordes), Eva Sanmartín (Vilalba), Diego Sánchez (Vigo) e Sofía Salgado (Ourense) obtiveron as catro cualificacións máis altas da Galiza. Os seus resultados permitiranlles escoller o grao que queiran, mais non todas as súas preferencias tiñan unhas notas de corte tan elevadas. 
Rapazas e rapaces da Mariña acceden aos exames da ABAU en Viveiro
photo_camera Rapazas e rapaces da Mariña entran nos exames (Foto: Europa Press)

As rapazas e os rapaces máis listos da Galiza, ou cando menos aquelas e aqueles que lograron mellores notas na proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) e na media co bacharelato, decántanse polas carreiras de ciencias para asegurar o seu futuro. Se hai anos un bo número das notas altas servían para salvar as elevadas ratios de corte de graos vinculados ás letras, hoxe as estudantes de dez (ou case) procuran outras especializacións. É o caso de Raúl Ríos Pampín, Eva Sanmartín Vázquez e Diego Sánchez Pinzón, mentres a cuarta mellor nota da nación, a de Sofía Salgado Pontón, irá parar ás aulas de Dereito de Ourense.  (

Despois de decorrer un proceso de exames de acceso á universidade cando menos inusual, a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) vén de dar a coñecer os nomes das alumnas e alumnos que obtiveron as cualificacións más destacadas. Se falamos da mellor nota na ABAU foi a de Raúl Ríos Pampín, que se preparou no IES número 1 de Ordes. Segundo a CIUG, tivo un 9,95 (9,92 co bacharelato).

Desta experiencia Ríos destaca que é importante que se saiba de que instituto procede porque, alén de estar orgulloso da publicidade que lle fai a nova, "é unha defensa pola educación pública de calidade: non é preciso ir a un privado para lograr as notas e entrar na carreira que queres". 

O mozo, que fala como se levase toda a vida traballando a oratoria, recoñece que o desconcertou todo o interese mediático que lle está a chegar.  "Sénteste raro e é algo pesado pero pasará", reflexiona. 

No seu caso, o obxectivo era acceder a un grao de ciencias como Medicina, que ten notas de corte elevadas. Porén, "ía con tranquilidade porque sacase o que sacase podía entrar nunha carreira que me gustase". No caixón levaba Filosofía. 

O Inglés e as Matemáticas
Dos días das probas, afirma que foi "máis tranquilo a Inglés" porque leva indo "a unha academia desde pequeno" e pasou "varios veráns en Inglaterra". O maior grao de tensión chegou coas Matemáticas, a Bioloxía e a Química porque eran as que máis contaban para entrar en Medicina. "Non porque non as levase preparadas, senón por se tiña un mal día", aclara. 

Eva Sanmartín Vázquez, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, pode presumir de ter a media más alta. No que foron os exames puntuárona cun 9,9 pero o cómputo global foi de 9,96. "Eu esperaba boa nota pero non tan alta", comenta Sanmartín, pois para estudar Bioquímica como pretende non tiña que saltar un obstáculo tan grande. 
Preparaba os controis desde maio, polo que nos seus plans para o estío entran o descanso "e seguir facendo deporte", porque practica o tríatlon. Dada a exixencia desa modalidade, a moza pensa que "o feito de adestrar e de ter unha disciplina" puido axudar nos estudos pero tamén "axuda na vida". 

Diego Sánchez Pinzón, do CPR Rosalía de Castro de Vigo, tivo un 9,9 e un 9,768 no que foi o exame e de media. Precisaba boa nota para entrar en Farmacia e dedicou "moito tempo estudando online e na corentena" para ter boas novas da CIUG. Recoñece que "hai xente que traballou máis" pero cando soubo os resultados sentiu "unha gran sorpresa e alivio". As probas de ciencias foron as que máis tranquilidade lle deron. 

Sofía Salgado Pontón, do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, fecha a lista cun 9,85 e un 9,91. "Ía tranquila porque para entrar en Dereito en Ourense chega un cinco pero quería acabar ben o ciclo", afirma. No verán quere divertirse e estudar "para que non se oxide a mente". 

O núcleo familiar e os institutos

O feito de que Raúl, Eva, Diego e Sofía sexan as e os estudantes con mellores notas na ABAU supón tamén unha boa publicidade para os centros de Ordes, Vilalba, Vigo e Ourense nos que estudaron, respectivamente. Até algúns concellos queren sumarse a esa felicidade que vai levar o seu nome polos medios de comunicación da Galiza.

A Raúl, por exemplo, o chamaron do concello para felicitalo por ter a mellor nota do que era a antiga selectividade e tamén falou co presidente da Xunta en funcións.

Comentarios