Crítica de cinema das sextas feiras

Un rapaz, un cabalo e unha viaxe a través dos EUA

Pete1
photo_camera Un fotograma do filme

LEAN ON PETE

(Reino Unido 2017, 121 min.)

Dirección e guión: Andrew Haigh

Fotografía: Magnus Nordenhof Jønck

Música: James Edward Barker

Elenco: Charlie Plummer, Travis Fimmel, Steve Buscemi, Chloë Sevigny, Steve Zahn, Amy Seimetz, Rachael Perrell Fosket, Alison Elliott

 

SINOPSE

O mundo de Charlie Thompson, un adolescente de 15 anos, comeza a se derrubar. A súa única saída semella ser un cabalo de carreiras chamado “Lean on Pete”, así que decide fuxir con el cruzando o país na procura de novas oportunidades.

 

CRÍTICA

Aínda non comezou o verán e xa comeza a carreira polos Óscar. Non é que Lean on Pete sexa un filme bo especialmente, pero si que conta con (case) todas as características para levarse, cando menos, unhas boa manchea de nomeacións.

 

Dirixe Andrew Haigh, director da multipremiada 45 anos (ver Sermos nº 199) filme co que demostrou que é un excelente director de actores ao facilitar varios premios e nomeacións para os seus protagonistas principais: Tom Courtenay e Charlotte Rampling. Agora tocaralle a quenda ao xoven Charlie Plummer (Todo o diñeiro do mundo) e, case seguro tamén, para un irrecoñecíbel Steve Buscemi (Fargo) e pode que para unha, sempre solvente, Chloë Sevigny (Boys don’t cry). De feito Haigh consegue que ata Steve Zahn (Sahara) destaque cunha das mellores actuacións da súa carreira. A historia, escrita tamén por Haigh, ten todos os ingredientes que gustan á Academia de Hollywood: un rapaz, un cabalo e unha viaxe de vida a través do territorio norteamericano. Ademais de todo isto conta cunha excelente dirección de fotografía de Magnus Nordenhof Jønck (A War) e uns efectos especiais perfectamente integrados na acción que aportan esa atmosfera de verosimilitude tan necesaria.

 

Charlie (Plummer) vive só co seu pai (Travis Fimmel), un tipo bebedor e mullereiro que obriga a Charlie a crecer e valerse por si mesmo antes de tempo. Charlie é ousado, botado para diante e coas cousas bastante claras, ou iso pensa el... mais o certo é que está nun limbo de desapego paternal que logo fará fenda na súa vida. Un día coñece un tratante de cabalos de carreiras (Buscemi) co que comeza traballar e desenrolar un particular vínculo aprendiz-mestre. Após aprender o oficio cabalar como se nacera cun poldro baixo o brazo, encariña de “Lean on Pete”, un cabalo de carreiras no que se apoia (de aí o título) e ao que se agarra coma un cravo ardendo para sobrevivir a súa insoportábel levedade de ser. Cando descobre que queren vender a súa “lancha salvavidas”, escapa co cabalo...

 

Un dramón con forma de road movie, ou mellor dito road-horse, que é máis que unha historia de adolescente con cabalo. Certo que hai similitudes con O corcel negro (1979, Carol Ballard), Seabiscuit (2003, Gary Ross) ou O home que bisbaba aos cabalos (1997, Robert Redford) pero pouco que ver no fondo e na forma... A cousa vai máis na liña da perda da inocencia, a consecuencia das decisións, o descenso aos infernos, a miseria, a desesperación ou odesarraigo familiar. Todo sáelle mal. Todo? Non... Andrew Haigh distribúe bastantes respiros durante a metraxe e deixa entrever un azo de esperanza... para facer un filme de boa dixestión e con ansias de pisar a alfombra vermella do Dolby Theatre.

 

Comentarios