A Rapa das Bestas regresa a Sabucedo

Os 'aloitadores' volven ao 'curro' de Sabucedo e recuperan a Rapa das Bestas, unha tradición centenaria que só a Covid puido parar.
A Rapa das Bestas volveu este sábado a Sabucedo (A Estrada) após un ano de parón pola Covid (Foto: Arxina).
photo_camera A Rapa das Bestas volveu este sábado a Sabucedo (A Estrada) após un ano de parón pola Covid (Foto: Arxina).

Galiza recuperou esta fin de semana unha das súas tradicións máis antigas: a Rapa das Bestas, que data do século XVI. Só a Covid foi quen de parar unha festividade que non se interrompera en máis de 450 anos, nin sequera polo golpe de Estado do 36.

Onte, a parroquia estradense de Sabucedo volveu vivir o espectáculo da loita entre home e cabalo salvaxe, que resulta esencial para desparasitar, sanear e protexer os cabalos galegos de monte.

Despois de que na sexta feira se recollesen os animais, que pasaron a noite nas inmediacións de Sabucedo, na tarde deste sábado celebráronse os dous primeiros 'curros' da programación dunha edición especial da festa, que segue marcada polas restricións da Covid e que confía en recuperar a normalidade de cara á edición do próximo ano.

As bestas regresaron ao 'curro', onde os 'aloitadores' procederon a tratar de domarlas para cortar os seus crines, desparasitarlas e marcalas antes de devolvelas ao seu medio natural. Ao recinto só puideron acceder un terzo das persoas que pode chegar a acoller, o mesmo que ocurrirá no segundo e último 'curro', previsto para a mañá deste domingo, que marcará o final dunha Rapa das Bestas que regresou este verán máis tarde do habitual, mais se puido celebrar.

A ameaza dos eólicos

A pandemia non é o único risco que ameaza esta celebración tradicional. O pasado mes, a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo organizou varias actividades para concienciar a poboación da importancia de manter unha festa declarada de interese turístico e un animal que podería verse abocado á desaparición, segundo explicou a Nós Diario o seu presidente, Paulo Vicente Monteagudo, pola "agresión eólica nos montes de Sabucedo".

Os cabalos de Sabucedo viven en liberdade durante todo o ano —agás os tres días que baixan ao curro por mor da rapa— nuns terreos que abranguen arredor de 3.000 hectáreas e que se verían gravemente afectados polos tres parques eólicos proxectados na súa contorna: Pico Touriñán —dez aeroxeradores e unha potencia total de 30 megawatts (MW)—, de Enel Green Power; Touriñán III-2 —oito turbinas e 24 MW—, de Greenalia, e Campo das Rosas —oito muíños e 27,6 MW—, de Naturgy. Os dous primeiros, alén de compartiren as infraestruturas de evacuación, atópanse nunha fase avanzada de tramitación e contan xa cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel.

Malia que en 2006 se contabilizaban perto de 800 exemplares, hoxe o censo reduciuse a uns 350. "É fundamental conservalos, porque forman parte do noso patrimonio material e inmaterial, e é o mamífero salvaxe máis grande da Europa occidental", di, e lembra que as bestas son "un elemento fundamental de control da biomasa e do material combustíbel que pode provocar incendios".

"Hoxe xa temos unha grave problemática, porque cando as bestas non teñen alimento no inverno baixan ás aldeas e entran nos prados que a xente ten fechados para dar de comer aos seus animais domésticos. Hai parques situados nas mesmas zonas onde os cabalos viven todo ano, polo que os desprazarían", advirte Monteagudo.

Desde Rapa das Bestas están a tramitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial para a festa, a fin de protexer "os poucos cabalos que quedan" das "múltiples agresións que poderían sufrir".

Comentarios