Rap para o magosto ou reggae para o Apalpador... “Brinca vai!” con Paco Nogueiras

Rap para o magosto? Reggae para o Apalpador? con Paco Nogueiras é posíbel e dos máis variados ritmos componse o seu primeiro cd-dvd-libro Brinca vai!, (Kalandraka) doce cancións que visitan o Samaín, o Entroido, o Verán, a natureza ou os afectos, materiais acaídos para animar a escola e a casa con humor e alegría. 

Paco Nogueiras
photo_camera Paco Nogueiras

O “fenómeno” Paco Nogueiras naceu antes que “Brinca vai!” mais con este traballo dá o triplo salto para que a súa forza “viral” tome corpo e se instale no mundo cultural e festivo das crianzas. Cun chapeu azul e uns lentes negros, a persoa Paco Nogueiras transfórmase con especial facilidade no personaxe Paco Nogueiras, unha divertida interpretación que toma elementos dos máis coñecidos cómicos, desde Charlot a Mrs. Bean, tan admirados por el. 

Membro da compañía de teatro Os Quinquilláns durante máis de dez anos e un de “Os tres tenedores”, a relación con Paco Nogueiras coa música e o teatro para as crianzas vén de lonxe. “O proxecto de “Brinca vai!” nace agora da necesidade que moitos mestres me transmitiron de contar con materiais para apoiar as súas ensinanzas. A partir de aí puxen mans a obra porque a idea me pareceu moi atractiva. Naceu a primeira canción e despois outra, e unha terceira... e comezou a crearse unha comunidade arredor dese proxecto, lúdico e informal mais ao tempo moi acaído para o ensino e a familia”, conta Paco Nogueiras para explicar o singular proceso que deu agora este produto, desde as iniciais propostas “caseiras” até o libro-cd-dvd que asina a editorial Kalandraka con ilustracións de David Pintor e realización audiovisual de José Miguel Sagüillo e gravación en Casa de Tolos con Segundo Grandío. 

"Como se crea esa comunidade que naceu arredor de Paco Nogueiras? “Só por empatía”, afirma, “imaxino que aportei certo ar fresco no traballo para nenos e nenas. Mostro o lado máis gamberro, máis desenfadado".

Como se crea esa comunidade que naceu arredor de Paco Nogueiras? “Só por empatía”, afirma, “imaxino que aportei certo ar fresco no traballo para nenos e nenas. Mostro o lado máis gamberro, máis desenfadado. Non tiven pretensión de traballo didáctico senón de apoio para que os profesionais puideran traballar con diversión e humor, que é unha das principais canles da aprendizaxe. Sen dúbida foi o boca a boca o que fixo o resto”. 

Esa comunidade continúa viva na rede e “Brinca vai!” sigue a medrar coas aportacións de crianzas, ensinantes e toda persoa que queira contribuír ao proxecto, con vídeos caseiros, debuxos, bailes, versións dos temas, anotacións... 

"Cando quito o chapeu e os lentes aparece Paco Nogueiras persoas e os nenos saben perfectamente quen é un e quen é outro”

Do rock ao reggae, pasando polo tecno e a música electrónica con influencias tradicionais. Nin máis nin menos é a definición coa que o seu primeiro traballo se presenta e responde, en boa parte, á vontade ecléctica do seu autor, ao gusto xeral por todas as músicas e ao interese de introducir á cativada nos distintos ritmos, dos que sempre se pode aprender. “Gústanme as músicas máis variopintas e todos os estilos teñen algo que aportar. Pretendín que o traballo fose homoxéneo en canto ao estilo mais con variedade de propostas rítmicas”

Desenfadado e gamberro preséntase Paco Nogueiras, unha personaxe con chapeu e lentes que non tarda en empatar coa cativada. “Esas características móstranse nese ser cómico que conformei e que se identifica claramente no espectáculo. Cando quito o chapeu e os lentes aparece Paco Nogueiras persoas e os nenos saben perfectamente quen é un e quen é outro”, explica desa personaxe algo torpe, alegre, cun aquel bufonesco no que tan ben se sinte. Moi, moi semellante a como David Pintor o levou ao debuxo, nun traballo no que se ve reflectido cun Paco presentado en multitudes de situacións. O encontro foi tan entusiasta que até conseguiu que David Pintor fixera un cameo no vídeo do “Brinca Vai!”, nun exemplo máis do ben que o pasou o equipo na produción do libro-dvd-cd. 
Co pouco tempo que leva en circulación, a resposta está a ser impresionante, segundo o autor das composicións e as letras das cancións e protagonista dos vídeos. A cada pouco recibe novas composicións ou fotos de nenos e nenas principalmente ataviados co chapeu e os lentes. Mostra, ao seu ver, que é “material útil, que se emprega nas aulas e está xa a servir para apoiar o labor educativo”. A nada que se mire, botaranse en falta dous videoclips que non aparecen por parte algunha. “Quedaron sen facer para que a xente se anime e contribúa coa súa creatividade. Se Paco Nogueiras foi quen de facer o primeiro videoclip na casa, todo o mundo pode. É importante abrir portas aos rapaces que son quen de facer o que se propoñan e por iso promovemos que nos envíen diversos materiais a través da rede”. E el deixa as portas de “Brinca Vai!” completamente abertas. 

Comentarios